Cargando

AGEFEC reúnese co Subdirector Xeral de Investigación, Docencia e Innovación do SERGAS.

AGEFEC reúnese co Subdirector Xeral de Investigación, Docencia e Innovación do SERGAS.

O Presidente da Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria (AGEFEC), D. Francisco Jesús Represas Carrera, e o Vicepresidente 1º, D. Álvaro Carrera García, reuníronse o pasado 18 de xaneiro con D. Luis Ángel León Mateos, Subdirector Xeral de Investigación, Docencia e Innovación do Servizo Galego de Saúde (SERGAS) , e con Dª. Rosa María Hurtado Taboada, Xefa de Servizo de Docencia desta Subdirección Xeral.

A reunión serviu para que AGEFEC presentase o “Documento de conclusión do I Encontro de Titores de Enfermaría Familiar e Comunitaria de Galicia” que tivo lugar o 20 de novembro de 2015 no Hospital Naval de Ferrol e que tivo como obxectivo principal fomentar a participación, comunicación e intercambio de experiencias sobre a docencia que se está a impartir aos Enfermeiros especialistas en Enfermaría Familiar e Comunitaria nas distintas Unidades Docentes, así como a creación e organización dun foro no que se intercambien coñecementos, se actualicen informacións e, se procede, se unifiquen criterios sobre a docencia dos EIR.

Coa fin última de mellorar a calidade docente que reciben os Enfermeiros/as especialistas no seu período formativo, a Sociedade Científica presentoulle ao departamento de docencia da Consellería de Sanidade as seguintes peticións:

  • Deseñar uns criterios mínimos homoxéneos de avaliación para os residentes que sexan unificados para tódalas Unidades Docentes do SERGAS.
  • Deseñar un libro do residente homoxéneo para tódalas Unidades Docentes do SERGAS.
  • Contar cun referente en investigación específico para tódalas Unidades Docentes do SERGAS.
  • Deseñar un plan formativo para os titores segundo as súas demandas e facilitarlles a asistencia a cursos e eventos científicos.
  • Facilitar os trámites administrativos para permitir que as Unidades Docentes poidan firmar convenios de colaboración con diferentes organismos coa fin de conseguir a adquisición das competencias relacionadas coas intervencións comunitarias e sobre o ancián fráxil que aparecen recollidas no programa formativo da especialidade.

O Presidente da AGEFEC tamén expuxo a problemática existente para a acreditación de novos titores nas Unidades Docentes co obxectivo de poder manter e aumentar o número de prazas ofertadas cada ano na especialidade de Enfermaría Familiar e Comunitaria, aspecto que comparten dende a Subdirección Xeral e no que indican que xa se está a traballar dende RRHH para que se poida ter unha solución o más áxil e eficazmente posible.

Por último, tratouse a situación actual na que se atopan os expedientes de acreditación das futuras Unidades Docentes de Lugo e Santiago, confiando en que algunha de estas unidades poida ofertar as primeiras prazas formativas na vindeira convocatoria que se publicará no BOE previsiblemente no mes de setembro do presente ano 2016.

Dende a Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria, queremos mostrar o noso agradecemento a esta Subdirección Xeral por recibirnos e por continuar colaborando conxuntamente na mellora da formación dos futuros Enfermeiros/as Especialistas de Familia e Comunitaria.

agefec

agefec

Non están permitidos os comentarios.

Agefec é necesaria.
Somos necesarios