Cargando

AGEFEC logra que o SERGAS cree a categoría estatutaria de Enfermeiro especialista en Enfermaría Familiar e Comunitaria

AGEFEC logra que o SERGAS cree a categoría estatutaria de Enfermeiro especialista en Enfermaría Familiar e Comunitaria

 A través do Decreto 81/2016, do 23 de xuño, polo que se crea no ámbito do Servizo Galego de Saúde a categoría estatutaria de persoal enfermeiro especialista, publicado este xoves día 14 de xullo de 2016, a Administración galega recoñece aos Enfermeiros/as especialistas en Enfermaría Familiar e Comunitaria.

Dende a Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria (AGEFEC) defendemos dende a nosa fundación a necesidade da especialización dos coidados enfermeiros na Atención Primaria como principal xustificación para garantir e aumentar a calidade asistencial que ofrecemos a poboación ao longo de tódalas etapas do seu ciclo vital. A especialidade de Enfermería Familiar e Comunitaria é unha realidade dende fai máis de 5 anos e, neste tempo, numerosos profesionais acadaron esta titulación e outros moitos, formados durante anos de exercicio profesional, están á espera de que lles sexa recoñecido o título de especialista pola vía excepcional.

Despois dun longo recorrido, da implicación dos membros da AGEFEC e dunha extraordinaria labor das diversas Xuntas Directivas e o Grupo de Traballo “promoción da especialidade”, logramos acadar a unidade sindical, profesional e política necesaria para convencer á Administración da necesidade e das vantaxes de contar con Enfermeiros/as especialistas en Enfermaría Familiar e Comunitaria na Atención Primaria de Galicia.

Unha das principais novidades  deste Decreto é que a maiores de recoñecer a nova categoría profesional, prevé a reconversión de prazas de Enfermeiro/a especialista en Familia e Comunitaria para aqueles profesionais que teñen un vínculo de fixeza no SERGAS unha vez obteñan o título de especialista pola vía extraordinaria.

Tamén destacar que con este Decreto a AGEFEC consegue outro dos seu obxectivos históricos. Modifícase, no ámbito do persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, a denominación da categoría “ATS/DUE”, que a partir da entrada en vigor do presente Decreto  denominarase “enfermeira/enfermeiro”.

Dende a AGEFEC valoramos moi positivamente este Decreto e agradecemos publicamente o traballo feito pola Consellería de Sanidade, Organizacións Sindicais, Sociedades Científicas, Colexios profesionais, Consello Galego de Enfermería, Academia de Enfermaría de Galicia e partidos políticos, durante os mais de catro anos de negociacións.  E aínda que este recoñecemento ao noso colectivo chega despois de todos estes anos de traballo en conxunto, o único e principal  fin que nos move e moverá é o do aumento da calidade asistencial que garante a formación especializada.

Así mesmo, non nos conformamos coa simple publicación do texto, non queremos que quede en papel mollado como ocorreu con outras especialidades durante unha década, por este motivo SOLICITÁMOSLLE Á CONSELLERÍA DE SANIDADE a súa aplicación inmediata cunha reconversión progresiva de prazas para dar cabida aos actuais e futuros especialistas en Enfermaría Familiar e Comunitaria. O Servizo Galego de Saúde e a cidadanía galega non se poden permitir o despilfarro de recursos, é dicir, ter profesionais formados e non contar con eles para o ámbito de coidados para o que foron formados.

Por esta razón apelamos ao sentido común e ao compromiso da Consellería de Sanidade cos galegos para brindarlle os mellores coidados enfermeiros na Atención Primaria por medio dos profesionais mellor formados e capacitados do sistema sanitario para o primeiro ámbito asistencial. Logralo é cuestión de vontade!

agefec

agefec

Non están permitidos os comentarios.

Agefec é necesaria.
Somos necesarios