Cargando

AGEFEC participa na XXII Xornada da Escola de Enfermaría de Lugo

AGEFEC participa na XXII Xornada da Escola de Enfermaría de Lugo

O 27 de abril de 2017 o Presidente da AGEFEC, D. Francisco J. Represas Carrera, xunto ao noso socio asesor de Atención Domiciliaria da AGEFEC D. Manuel-Vidal Fernández Fernández participaron como relatores na XXII Xornada da Escola de Enfermaría de Lugo que se celebrou no Salón de Actos do Hospital Universitario Lucus Augusti baixo o lema unha visión coordinada do coidado centrado nas persoas”.

Baixo o título “O liderado da Enfermaría de Familia na Atención Domiciliaria”, D. Manuel-Vidal Fernández incidiu na importancia que teñen que ter os coidados da Enfermaría de Familia na atención domiciliaria, reivindicando este ámbito de actuación como un lugar habitual e necesario para o exercicio profesional desta especialidade enfermeira. Así mesmo tamén resaltou a enorme transcendencia que teñen as persoas coidadoras para garantir unha atención de calidade.  A atención domiciliaria ter que ser o eixe sobre o que se debe vertebre o traballo enfermeiro en atención primaria, mudando dun modelo de traballo “a demanda” cara un traballo proactivo baseado na educación, prevención e acompañamento.

Por outra banda, o Presidente da AGEFEC, D. Francisco J. Represas, falou sobre “o rol da Enfermaría de Familia na Atención á Cronicidade”. Expuxo a necesidade da reorganización do sistema sanitario cara un modelo mais proactivo, onde a Enfermaría de Familia xogue un papel determinante no seguimento das patoloxías crónicas. Así mesmo, tamén fixo público que dende a Consellería de Sanidade estase xa a traballar en conxunto coa AGEFEC e con outras Sociedades Científicas na “Estratexia Galega de Atención Integral á Cronicidade”. Esta “estratexia” pretende ser un instrumento que sirva para mellorar a atención a este tipo de pacientes mediante unha serie de proxectos concretos a executar polo SERGAS, así como dunhas directrices organizativas que permitan unha mellor e máis eficiente atención a estes pacientes.

Dende a Xunta Directiva da Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria (AGEFEC), agradecemos á Dirección da Escola de Enfermaría de Lugo e á Dirección de Enfermaría da EOXI de Lugo este convite e a oportunidade de poder participar nestes actos que fortalecen a nosa profesión.

XXII XORNADA ESCOLA DE ENFERMARÍA DE LUGO_ PROGRAMA

agefec

agefec

Non están permitidos os comentarios.

Agefec é necesaria.
Somos necesarios