Cargando

A enfermeira familiar e comunitaria, nunha posición privilexiada para implicar ao asmático no seu autocoidado.

A enfermeira familiar e comunitaria, nunha posición privilexiada para implicar ao asmático no seu autocoidado.

  • O día 6 de Maio celébrase o día internacional da Asma
  • A asma é a enfermidade crónica máis frecuente en nenos.
  • A participación activa do asmático no manexo da súa propia doenza, é un factor clave para conseguir o control da enfermidade.

O día mundial da asma celébrase dende o ano 1998 os primeiros martes de maio, co obxectivo de informar e sensibilizar á cidadanía sobre a situación dunha enfermidade crónica que padece preto do 5% da poboación mundial, na súa meirande parte nenos e adolescentes. Concretamente, a prevalencia media da asma no noso país é do 5% en adultos e do 10% na infancia.

A asma defínese como unha enfermidade inflamatoria crónica das vías aéreas, asociada á presenza de hiperreactividade bronquial que produce episodios recorrentes de sibilantes, disnea, opresión torácica e tose. O tratamento da asma ten como meta acadar que o doente realice unha vida normal, sen limitacións derivadas da súa enfermidade. O logro deste obxectivo depende especialmente da participación activa do paciente no control da asma.

A enfermeira familiar e comunitaria encóntrase nunha posición privilexiada para actuar sobre este colectivo e implicalo no seu autocoidado, proporcionándolle os coñecementos e instrucións necesarios para actuar sobre a enfermidade.

Dende a consulta de enfermaría de Atención Primaria consideramos indispensábel que o asmático distinga os síntomas e factores desencadeantes da enfermidade. Debe coñecer tamén como actúan cada un dos fármacos que emprega e debe ser adestrado na utilización correcta dos sistemas de inhalación que vaia a empregar para o seu tratamento, así como no uso do medidor pico fluxo, como medio de control do calibre das vías aéreas.

A partir da información recibida e das habilidades aprendidas, o enfermo debe saber detectar unha agudización da súa doenza, pudendo ser quen de regular o tratamento en función da gravidade da sintomatoloxía.

Estas intervencións dos profesionais  nas consultas deben ser complementadas co traballo noutros ámbitos diferentes aos Centro de Saúde, como son o eido familiar e educativo.

A participación e responsabilidade das persoas, os grupos, as institucións e as comunidades no desenrolo continuo da saúde, é unha das políticas que a Organización Mundial da Saúde propón no seu documento “Saúde para todos no Século XXI”.

 

 

Andrea Otero Budiño

Enfermeira Interna Residente de Enfermaría Familiar e Comunitaria 

Agefec

Agefec

Non están permitidos os comentarios.

Agefec é necesaria.
Somos necesarios