Cargando

A 1ª promoción de especialistas en EFeC de Galicia acaba de rematar a súa estadía formativa.

A 1ª promoción de especialistas en EFeC de Galicia acaba de rematar a súa estadía formativa.

Hoxe é un día histórico para a enfermaría galega. A primeira promoción de especialistas en EFeC da nosa comunidade autónoma acaba de rematar a súa  estadía formativa. 

A continuación, podedes ler unha entrevista con Silvia Pazos Platas e Ignacio Couselo Fernández, ambos socios de AGEFEC e que levaron a cabo un intenso traballo ao longo destes dous anos en favor do desenvolvemento pleno da especialidade e co obxectivo final de traballar no ámbito laboral para o que se formaron.

 

ENTREVISTA AOS ESPECIALISTAS EN EFeC DAS UU.DD. DE ATENCIÓN FAMILIAR E COMUNITARIA DE CORUÑA E FERROL (Silvia Pazos Platas e Ignacio Couselo Fernández).

  1. Este mes rematades a vosa formación como especialistas en Enfermaría Familiar e Comunitaria ¿Qué se sinte ao formar parte da historia da enfermaría en Galicia?
Ignacio  Couselo coa súa titora Remedios Hernández

Ignacio Couselo coa súa titora Remedios Hernández

Sentimos que somos uns privilexiados, ó formar parte da I Promoción de enfermeiros especialistas en familiar e comunitaria, e como tal cremos que esta titulación ten que marcar un antes e un despois na enfermaría de Galiza.

A titulación de enfermeiros especialistas, é o broche de ouro  ao esforzo por superar unha dura proba selectiva e a 2 anos de dedicación exclusiva á formación de residencia. Como tal sentimos unha inmensa alegría e satisfacción.

  1. ¿Cal e a vosa valoración destes dous anos de formación? ¿Cumpríronse os vosos obxectivos?

Valoramos a nosa formación de xeito positivo, xa que as nosas Unidades Docentes tiveron que comezar de cero con todo isto.

Cumpríronse os obxectivos , posto que se realizaron os rotatorios previstos e recibimos a formación necesaria dentro do campo da Atención Primaria.

Cremos que hai moito camiño que recorrer, nós rompemos o xeo e agora so queda ir mellorando coas vindeiras promocións de residentes.

 

  1. A adaptación da U.D. de Atención Familiar e Comunitaria para acoller novos especialistas en formación seguro que non foi un proceso fácil e que probablemente ten que ir mellorando co paso de novos especialistas. Baixo a vosa opinión, ¿Que rotacións cambiariades ou mellorariades e que cambiariades na propia U.D.?

Consideramos que hai rotatorios máis importantes que outros para a nosa formación, por elo cabería facer un axuste no tempo de permanencia dalgúns  deles. Concretamente diminuír determinados servizos hospitalarios coma a Unidade de Rehabilitación Física ou a Unidade de Coidados Paliativos e incrementar servizos coma o de Educación diabetolóxica, ou HADO (Hospitalización  a domicilio).

Un rotatorio que debería de mellorarse é o de Saúde Pública, precisa dunha mellor organización, de xeito que se poida pasar polas distintas dependencias do mesmo, non só por unha (Programas de Estilo de Vida Saudables).

 

  1. ¿Credes que coa formación recibida ao longo destes dous anos, tendes a competencia suficiente para coidar do individuo, da familia e comunidade ao longo de todo o ciclo vital, é dicir dende o nacemento ata a morte?
Silvia Pazos coa súa titora Herminia Ramil

Silvia Pazos coa súa titora Herminia Ramil

Coidamos que sí, temos a formación teórico-práctica suficiente, e o máis importante é que coñecemos os medios para intentar avanzar e chegar a ser profesionais altamente competitivos no eido da enfermaría familiar e comunitaria.

Non cabe dúbida  de que nestes 2 anos adquirimos unha base sólida que temos que seguir fortalecendo co paso dos anos, debemos de seguir formándonos, investigando e acadando experiencia.

 

  1. Qué aporta un especialista a dinámica asistencial, xestora e investigadora dun centro de saúde?

A incorporación dos especialistas no sistema sanitario de Galicia aportaría frescura, a práctica asistencial variaría en moitos centros de saúde, faríase máis educación grupal, intervencións en centros escolares,….

Suporía unha asistencia baseada na evidencia científica, tendo como obxectivos a promoción da saúde e a prevención da enfermidade. Cunha especial atención aos pacientes crónicos e dependentes baseada na xestión de casos que permita unha maior coordinación asistencial e mellor aproveitamento dos recursos.

 

  1. Pódese asegurar que o desenvolvemento da especialidade está asegurado ou polo contrario credes que aínda hai moito por andar?

Estes son só os primeiros pasos, aínda queda moito camiño por facer, comezando pola acreditación de tódalas Unidades Docentes de Atención Familiar e Comunitaria e o aumento de prazas de formación, continuando pola creación da categoría profesional por parte do Servizo Galego de Saúde xunto coa incorporación efectiva dos especialistas ao sistema sanitario. Xa a nivel estatal é preciso que se convoque a proba de acceso pola vía extraordinaria, a creación do libro do residente,…

Gustaríanos afirmar que o futuro está asegurado, somos optimistas e cremos que nun curto período de tempo a nosa especialidade farase ver na nosa comunidade. Aínda que tamén cremos que hai camiño por andar, posto que a especialidade leva poucos anos de andadura, e entre todos, residentes e especialistas debemos de seguir loitando.

 

  1. ¿Qué lle diriades a un graduado/a que aprobou o exame EIR para que escollera a especialidade de EFeC?

Que é unha especialidade con futuro, posto que a promoción da saúde é o  piar básico para acadar un nivel óptimo de saúde entre a poboación.

É unha especialidade que repercute no individuo dende que nace ata que falece.

Temos un amplo campo de traballo: familia, comunidade, promoción da saúde, fomento do autocoidado, dependencia, prevención da enfermidade, recuperación e rehabilitación.

 

Agefec

Agefec

Non están permitidos os comentarios.

Agefec é necesaria.
Somos necesarios