Cargando

21 de setembro: día mundial do Alzheimer

21 de setembro: día mundial do Alzheimer

logo_agefec_100px

  • A enfermidade de Alzheimer é o tipo de demencia máis común, representando ó redor do 75% das demencias.
  • A prevaleza atópase entorno ó 5-10% nas persoas maiores de 65 anos. Estímase que en España hai 809.356 persoas con Alzheimer, das cales 62.948 residen en Galicia. Si temos en conta que a enfermidade afecta a quen a padece, pero tamén á familia coidadora, a cifra elévase a 251.791 persoas.

 

Trátase dunha patoloxía dexenerativa, progresiva, de lenta evolución e sen cura, que afecta á totalidade do cerebro. Vense sobre todo afectadas as áreas asociativas corticais e parte do sistema límbico, zonas nas que se atopan albergadas as funcións cognitivas superiores que nos diferenza do resto de seres vivos: razoamento lóxico, pensamento abstrato, resposta emocional, linguaxe,…
Nos últimos 20 anos produciuse un incremento das taxas de prevaleza debido fundamentalmente a dous factores: por un lado o progresivo envellecemento da poboación, que supón un incremento da porcentaxe de persoas en idade de risco, e por outra banda a mellora das condicións socioeconómicas, os avances no tratamento médico e o aumento da supervivencia despois do inicio da enfermidade.

A demencia tipo Alzheimer presenta distintas etapas de evolución da enfermidade que é preciso coñecer para asegurar uns correctos coidados en cada unha das etapas. Máis importante ca isto, se cabe é a detención precoz da enfermidade, e é aquí onde os profesionais da enfermaría temos un papel clave. Os enfermeiros especialistas en Familiar e Comunitaria somos os profesionais de Atención Primaria que máis horas adicamos á atención das persoas maiores, posto que realizamos o maior número de visitas domiciliarias e participamos de xeito moi activo nos programas de atención ós maiores.
Dentro das actividades que debemos de realizar á hora de detectar os síntomas temperáns na enfermidade do Alzheimer atópanse as seguintes:

  • Confirmar indicios que poidan constatar dita sospeita utilizando diferentes instrumentos de diagnóstico como o test Mini-examen cognoscitivo de LOBO (MEC) ou a escala de Barthel, ou mediante a verificación da existencia de diagnósticos enfermeiros típicos da enfermidade de Alzheimer nas fases iniciais.
  • Indicar ós pacientes e/ou familiares a importancia de realizar un estudo de diagnóstico completo. O retraso na detección da enfermidade ten consecuencias para a calidade de vida dos pacientes e as súas familias. Co diagnóstico precoz os pacientes terían máis oportunidades para enfrontarse a situacións persoais e a problemas que máis adiante non poderían resolver. Ademais o estres dos coidadores familiares pode reducirse coa educación sobre a enfermidade e cun acceso máis doado ós servizos sociosanitarios e comunitarios.

Non podo deixar de facer unha mención especial ó CPI, coidador principal informal, que neste tipo de enfermidades ten un papel protagonista. CPI defínese coma aquela persoa encargada de axudar nas necesidades básicas e instrumentais da vida diaria do paciente, sen percibir retribución económica por elo. O coidado diario dun familiar enfermo de Alzheimer supón un estres emocional e físico que dá lugar a que os coidadores presenten unha calidade de vida peor que a do resto da poboación.
As liñas de actuación a seguir polos profesionais da Enfermaría Familiar e Comunitaria son:

  • Mellorar a calidade de vida do enfermo e dos seus familiares/coidadores.
  • Establecer liñas de actuación de enfermaría en cada unha das fases evolutivas da enfermidade.
  • Fomentar a importancia da figura da enfermaría no diagnóstico precoz deste tipo de demencia.
  • Unificar criterios de actuación dos profesionais de enfermaría ante a enfermidade.

Silvia Mª Pazos Platas
Enfermeira especialista en Atención Familiar e Comunitaria
Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria (AGEFEC)

Agefec

Agefec

Non están permitidos os comentarios.

Agefec é necesaria.
Somos necesarios