Cargando

Día mundial dos coidados paliativos

Día mundial dos coidados paliativos

logo_agefec_100px

  • Actualmente só unha de cada 10 persoas que precisan coidados paliativos non mundo, isto é, atención sanitaria para aliviar a dor, os síntomas e o estrés causados por enfermidades graves, recibe esa atención.
  • Calcúlase que todos os anos máis de 20 millóns de pacientes necesitan coidados paliativos ao final da vida, dos cales preto dun 6% son nenos

 

 

O segundo sábado de outubro, cada ano, celébrase o Día Mundial dos Coidados Paliativos, un día de acción unificado para celebrar e apoiar enfermos terminais e os coidados paliativos en todo o mundo.

A Organización Mundial da Saúde (OMS) define os Coidados Paliativos como o “coidado total activo dos pacientes cuxa enfermidade non responde a tratamento curativo. O control da dor e doutros síntomas e de problemas psicolóxicos, sociais e espirituais é primordial”; estes non deben limitarse aos últimos días de vida senón aplicarse progresivamente a medida que avanza a enfermidade e en función das necesidades de pacientes e familias.

Aproximadamente unha terceira parte dos que necesitan coidados paliativos ten cancro. O resto padece enfermidades dexenerativas que afectan ao corazón, os pulmóns, o fígado, os riles ou o cerebro, ou enfermidades crónicas ou potencialmente mortais, como a infección por VIH e a tuberculose farmacorresistente.

Entre os obxectivos da Estratexia en Coidados Paliativos do Sistema Nacional de Saúde está “proporcionar aos pacientes con enfermidade en fase avanzada terminal e aos seus familiares unha valoración e atención integral adaptada en cada momento á súa situación, en calquera nivel asistencial e ao longo de todo o seu proceso evolutivo”. En España existen máis de 400 equipos especializados na atención ó final da vida, non se encontran distribuídos de forma homoxénea. A enfermeira Familiar e Comunitaria pode formar parte de equipos multidisciplinares de coidados paliativos tanto a nivel de Atención Primaria ou ben formando parte destes equipos especializados que prestan asistencia en domicilio, colaboran e coordinan a atención hospitalaria e asesoran os equipos de Atención Primaria.

O papel da enfermaría familiar e comunitaria é fundamental para planificar, implementar e coordinar conxuntamente con outros profesionais e especialistas programas de Coidados Paliativos, ademais de coidar e acompañar a persoa no final da vida e a atención ao duelo familiar.

 

 

Alba Fernández Pita

Enfermeira Familiar e Comunitaria

Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria (AGEFEC)

Agefec

Agefec

Non están permitidos os comentarios.

Agefec é necesaria.
Somos necesarios