Cargando

Adhesión ó tratamento e a vulnerabilidade do xénero. Aspectos importantes na loita contra o VIH.

Adhesión ó tratamento e a vulnerabilidade do xénero. Aspectos importantes na loita contra o VIH.

logo_agefec_100pxO 1 de Decembro celebramos o día mundial da loita contra a SIDA. O Programa Conxunto das Nacións Unidas sobre o VIH/SIDA (ONUSIDA) reúne os esforzos de 11 organizacións das Nacións Unidas (ACNUR, UNICEF, PMA, PNUD, UNFPA, UNODC, ONUMulleres, OIT, UNESCO, OMS e Banco Mundial). Esta organización vela polo seguimento e a vixilancia epidemiolóxica a nivel mundial do VIH/SIDA, recentemente publicou datos moi positivos xa que está a rexistrar os niveis máis baixos deste século de infeccións novas por VIH, 2,1 millóns. Só nos tres últimos anos, o número de infeccións novas descendeu nun 13 %. Calculouse que en 2013 a nivel mundial:
– 35 millóns de persoas vivían con VIH.
– 2,1 millóns de persoas contraeron a infección polo VIH.
– 1,5 millóns de persoas faleceron a causa de enfermidades relacionadas coa SIDA.
Un informe elaborado por ONUSIDA revela que 19 dos 35 millóns de persoas que viven con VIH en todo o mundo non saben que son VIH-positivas. No noso país, segundo os datos recollidos no rexistro nacional de epidemioloxía, os casos de VIH notificados polas 17 CCAA, Ceuta e Melilla ata o 30 de Xuño de 2014, estiman uns 4795 casos de novos diagnósticos de VIH no 2013. A mediana de idade foi de 35 anos, sen diferenzas por sexo e as taxas máis altas producíronse nos grupos de idade de 30 a 34 e de 25 a 29 anos. O 85% dos novos casos foron homes. A transmisión en homes que manteñen relacións sexuais con homes (HSH) foi a máis frecuente, 51,2%, seguida da heterosexual, 28,5% e a que se produce entre usuarios de drogas inxectadas 4,4%. O 32,5% dos novos diagnósticos de infección polo VIH realizouse en persoas orixinarias doutros países. O 46,6% global dos novos diagnósticos presentaron diagnóstico tardío.
CONCLUSIÓNS:
– As taxas de novos diagnósticos de VIH son similares ás doutros países de Europa
occidental, aínda que superiores á media do conxunto da Unión Europea.
– A vía sexual é a categoría de transmisión principal nos novos diagnósticos de VIH.
– A transmisión entre HSH é a categoría maioritaria, e a súa influencia crece ano a ano.
– As persoas doutros países supoñen unha parte relevante dos novos diagnósticos, aínda
que o seu peso parece descender dende o ano 2010.
– O diagnóstico tardío é moi importante, e non diminúe.

Un dos aspectos nos que temos que traballar os profesionais sanitarios para loitar eficazmente contra esta enfermidade é a adherencia “apego” ao tratamento antirretroviral. A mala adherencia ao tratamento ten implicacións a tres niveis:

  1. Individual, a falta de adherencia permite que o VIH continúe replicándose, creando unha presión selectiva que aumenta a posibilidade de que xurdan virus resistentes e falle o esquema de tratamento.
  2. Comunitario, xa que os virus resistentes poden transmitirse por todas as vías de contaxio da infección, a persoa recén infectada tamén terá un número menor de opcións terapéuticas.
  3. Económicas, pois un emprego inadecuado destes medicamentos leva consigo un gasto claramente ineficiente.Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria

Os factores que inflúen na adherencia aos antirretrovirais son:

lazo_sida1. Os relacionados co individuo, tales como as súas características de idade, sexo, formación e nivel cultural, ámbito familiar e social (apoio de parentes ou achegados), destacando a percepción que teñan da súa enfermidade, a importancia que lle dea á súa saúde e o seu nivel de crenza na efectividade do medicamento.

2. Os propios do tratamento antirretroviral: o número de fármacos empregados en cada caso, as súas posoloxías e efectos adversos, a interferencia da toma da medicación cos hábitos diarios de cada individuo. Ademais, debido ao prexuízo social que existe en torno a esta enfermidade, hai pacientes que non se senten cómodos tomando as súas pastillas en fronte doutras persoas, o que dificulta que as tomen nas horas debidas. En xeral, é máis probable que os individuos que entenden o propósito e os beneficios do tratamento tomen os seus medicamentos de xeito axeitado.

3. Os relacionados co equipo asistencial, destacando as peculiaridades dos profesionais sanitarios (motivación, empatía, coñecemento, experiencia, etc.). A educación do paciente é un aspecto básico, pois se debe explicar perfectamente en que consiste a enfermidade, os obxectivos do tratamento baseados na conta de linfocitos CD4+ e carga viral, as razóns polas cales é importante o apego, as consecuencias da falla virolóxica e inmunolóxica e o plan que debe seguir o paciente para lograr un boa adherencia.

4. O apoio social, a educación dos familiares e amigos do paciente tamén pode ser moi útil, xa que o paciente sentirá máis avalado e haberá máis persoas que lle axuden a organizarse e a recordar que debe tomar as doses. Mesmo, é posible levar a cabo intervencións a nivel da comunidade, con grupos de apoio para pacientes con VIH.
O pasado 25 de Novembro foi o día internacional da eliminación da violencia contra a muller, día que está moi relacionado con outro dos aspectos importantes na prevención e o coidados da infección por VIH, que é a vulnerabilidade de xénero.
Enténdese por “xénero” unha serie de características e funcións que se atribúen culturalmente a homes e a mulleres, e que van máis alá da súa condición biolóxica. O xénero constitúe unha serie de construcións sociais, que moitas veces se traducen en prescricións acerca do comportamento que se considera “aceptable” nunha muller ou nun home. As principais vulnerabilidades que afectan ás mulleres son biolóxicas, epidemiolóxicas, sociais e culturais. Nas mulleres, comprobouse que nas relacións heterosexuais son máis vulnerables que os homes debido a que a vaxina e o cérvix teñen máis células que favorecen a entrada do virus, e porque a carga viral é maior no seme que nos fluídos vaxinais. Ademais, nas mulleres novas a mucosa vaxinal é máis fráxil, o que aumenta as probabilidades de que un trauma permita a infección.Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria.
A transmisión do VIH é máis probable durante o sexo anal e o sexo violento ou forzado. Ademais, dado que na maioría das sociedades o xénero e a sexualidade están vinculados simbolicamente, as relacións sexuais entre homes e mulleres convértense moitas veces en relacións de poder, onde o masculino tende a dominar ao feminino e as mulleres encóntranse xeralmente en desvantaxe. Isto significa que nas negociacións para utilizar condón sexan os homes que teñan a última palabra ou que as mulleres nin sequera formulen esa posibilidade por temor a que se lles acuse de promiscuidade.
O noso papel como profesionais sanitaros e especialmente como enfermeiras de familia e comunitaria é coñecer como pode afectar estas diferenzas no coidado dos nosos pacientes e aplicar esta visión do xénero na nosa práctica tanto na consulta coma a nivel comunitario.
Debemos promover a educación dos sexos dende a infancia e adolescencia porque é cando se empezan a asentar as crenzas, valores e normas das relacións de parella.
Os programas de prevención destinados aos mozos e adultos que se centran exclusivamente nos modos de transmisión e nas prácticas sexuais máis seguras non resultan suficientemente eficaces.
Para iso deberían incluír aspectos sobre os papeis, sexualidade e relacións respecto aos xéneros, que nos axuden a desenvolver aptitudes para identificar e cambiar, as normas relacionadas co xénero que actúan como obstáculos para a prevención do VIH. Pénsase que de recibir a información, as ferramentas e a motivación axeitada, os adolescentes poderían adoptar prácticas seguras con maior facilidade que os adultos.

Lorena Comesaña Diego
Enfermeira especialista en Enfermería Familiar y Comunitaria
Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria (AGEFEC)

Tags

Agefec

Agefec

Non están permitidos os comentarios.

Agefec é necesaria.
Somos necesarios