Proposta para a mellora dos Coidados Enfermeiros na Atención Primaria
O pasado 15 de Setembro, a Xunta Directiva da Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria aprobou o documento de posicionamento “Proposta para a mellora dos Coidados Enfermeiros na Atención Primaria” despois de seren recollidas e valoradas as múltiples aportacións dos nosos socios. O documento que recolle 10 puntos chave, fai mención da aposta da AGEFEC por un modelo integral de coidados cunha visión holística que inclúe conceptos como o benestar, autocoidado, autonomía e dereito das persoas a participar no proceso de toma de decisións sobre a súa saúde. Neste novo modelo os Enfermeiros/as de Familia e Comunitaria temos que asumir un papel relevante como axente promotor da saúde e do fomento do autocoidado.
A nosa máxima aspiración é a mellora continua da calidade dos coidados enfermeiros e o benestar da poboación, nun modelo de saúde que optimice todo o noso potencial, coñecementos e profesionalidade. Para facer efectiva esta aspiración, propoñemos neste documento a implantación dunha serie de cambios estratéxicos, que en primeiro lugar teñen que levar a Consellería de Sanidade ao desenvolvemento da nosa Carteira de Servizos, como garante para a cobertura legal das competencias da Enfermaría Familiar e Comunitaria.
Este documento está dispoñible nesta web, no menú AGEFEC (preme aquí para acceder) e tamén será remitida nas próximos días a Conselleira de Sanidade, Xerente do Sergas, Xerentes de cada EOXI, Directores de Enfermaría, Director Xeral de Asistencia Sanitaria e Directora Xeral de Recursos Humanos.
Non están permitidos os comentarios.