AGEFEC oponse a que se realicen coberturas na Atención Primaria con Enfermeiros de Atención Hospitalaria
- A Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria (AGEFEC) considera que é unha mala práctica que as coberturas estivais na Atención Primaria se realicen con Enfermeiros do ámbito de coidados médico-cirúrxicos.
Dende a creación das Estruturas Organizativas de Xestión Integrada (EOXIs), mediante a fusión das antigas Xerencias de Atención Primaria coas Xerencias de Atención Hospitalaria de cada área sanitaria, o Servizo Galego de Saúde co peche estival de camas realiza as coberturas das ausencias xeradas polo desfrute das vacacións dos enfermeiros e enfermeiras de Atención Primaria, con profesionais de enfermería que prestan os seus coidados de forma habitual no ámbito hospitalario.
A Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria (AGEFEC) considera que esta é unha moi mala práctica xa que implica o éxodo dos enfermeiros e enfermeiras do ámbito dos coidados médico-cirúrxicos a outro ámbito completamente diferente, onde as necesidades asistenciais e coidados que se lle ofrecen aos usuarios e pacientes son aportados por profesionais cun marco competencial propio e adquirido mediante unha formación específica e especializada. Na Atención Primaria os coidados non se centran unicamente no individuo, se non que se estenden á familia e á comunidade na que habitan. Ademais estes profesionais non están familiarizados cos procedementos e intervencións que se realizan na Atención Primaria o que xera en moitos casos problemas organizativos que lamentablemente acaban tendo consecuencias asistenciais para os pacientes.
A situación resulta esperpéntica e kafkiana cando por necesidades asistencias, as unidades hospitalarias pechadas teñen que ser reabertas de novo no período estival, e no canto de seren cubertas co persoal propio da unidade hospitalaria que coñece o servizo, protocolos e é referente nos coidados deses pacientes froito do seu coñecemento, son cubertas na súa totalidade con persoal eventual. Isto da lugar a que estas medidas danen a continuidade asistencial tanto na Atención Primaria como na Hospitalaria e minguan a calidade dos coidados que se prestan aos pacientes.
Así mesmo, a Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria mostra o seu pesar porque “os que toman estas decisións seguen coa filosofía de que os enfermeiros e enfermeiras valen para todo, traballando calquera día en servicios asistenciais diferentes sen ningún tipo de formación previa (diálises, hospitalización, quirófanos, Atención Domiciliaria, PAC, etc.), máxime cando a evidencia científica desaconsella estas prácticas e aposta pola especialización da profesión, como garante da calidade e seguridade da asistencia que se lle presta aos pacientes”.
Por outra banda, a AGEFEC tamén considera unha moi mala práctica e a vez perigosa que as substitucións das enfermeiras e enfermeiros de Atención Primaria se realicen por profesionais a media xornada (3,5 e 4 horas), xa que isto con leva tamén un caos organizativo e asistencial nos centros de saúde. Hai casos nos que se concentran ata 40 pacientes en tres horas e media, máis o engadido da Atención Domiciliaria que implica como mínimo trinta minutos por doente se a dispersión da poboación a atender é mínima. A AGEFEC ten tido constancia de casos nos que se substitúe a media xornada tódalas vacacións dun profesional e cada día cun enfermeiro ou enfermeira diferente, o que da lugar a un desabastecemento das consultas, a unha perda da continuidade asistencial e de xeito moi lesivo na Atención Domiciliaria e a un caos organizativo con consecuencias asistenciais negativas para o paciente.
Por todo isto, dende a Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria solicítase ao SERGAS que se atalle esta situación acometendo as seguintes accións:
- Que non se realicen as coberturas das ausencias dos enfermeiros e enfermeiras de Atención Primaria con enfermeiros de Atención Hospitalaria.
- Xa que o SERGAS dispón de enfermeiros e enfermeiras especialistas en Enfermaría Familiar e Comunitaria, que realice as coberturas temporais con estes profesionais que teñen o perfil competencial máis idóneo para o ámbito asistencial de Atención Primaria.
- Que as coberturas dos enfermeiros e enfermeiras de Atención Primaria se realicen con sentido común, é dicir, a xornada completa e velando pola continuidade asistencial.
Non están permitidos os comentarios.