Cargando

Posicionamento da AGEFEC en relación á actual normativa dos procesos de selección e traslados da categoría enfermeira/o no Servizo Galego de Saúde para o ámbito da atención primaria

Posicionamento da AGEFEC en relación á actual normativa dos procesos de selección e traslados da categoría enfermeira/o no Servizo Galego de Saúde para o ámbito da atención primaria

A Asociación Galega de Enfermería Familiar e Comunitaria (AGEFEC) ven defendendo desde a súa fundación a necesidade de poñer en valor o campo de coñecementos especializados no ámbito familiar e comunitario. A especialidade de Enfermería Familiar e Comunitaria é unha realidade dende fai máis de 5 anos e, neste tempo, numerosos profesionais acadaron esta titulación e outros moitos, formados durante anos de exercicio profesional, están á espera de que lles sexa recoñecido o título de especialista pola vía excepcional.

Con todo, recentemente convocáronse procesos de acoplamento entre os ámbitos asistenciais de hospital e primaria para as enfermeiras e enfermeiros dalgunhas das EOXIs do SERGAS que poñen de manifesto, unha vez máis, o nulo valor que os xestores sanitarios lle outorgan aos méritos e a capacitación no ámbito familiar e comunitario, o que reflexa unha situación de desamparo para a profesión enfermeira de atención primaria froito da actual política de recursos humanos, a cal non recoñece á formación especializada nin ningún tipo de coñecemento científico (mestrados, doutorados, docencia, etc.) relacionado coa atención primaria. Polo que nun contexto asistencial cada vez máis complexo, e no que é imprescindible a continua formación e actualización, resulta anecdótico que o único mérito que se deba acreditar nun acoplamento sexa o do tempo traballado, sen ter en conta a procedencia do mesmo.

Estes axustes entre os dous ámbitos asistenciais no que o único mérito do baremo é a antigüidade, producirá unha vez máis, unha descapitalización do coñecemento acumulado durante anos pola profesión enfermeira e, polo tanto, porá en risco a calidade dos coidados que se prestan aos cidadáns desde o primeiro ámbito asistencial. O feito de non diferenciar os ámbitos de traballo e considerar que unha enfermeira pode estar hoxe facendo un seguimento correcto e de calidade a un paciente con insuficiencia cardíaca, EPOC ou xestionando a asistencia dun paciente crónico complexo, e mañá estar traballando nunha unidade de diálise hospitalaria, ou viceversa, pon en risco sen dúbida a seguridade das persoas ás que atendemos. Por iso insistimos en afirmar que os movementos de profesionais sen unha adecuada valoración dos seus coñecementos e competencias poñen en risco a seguridade dos pacientes.

Neste momento o Servizo Galego de Saúde atópase en proceso de desenvolvemento das estratexia de atención ás persoas con enfermidades crónicas, dificilmente se poderán manter algunhas liñas de traballo ou poñer en marcha novas iniciativas nun contexto no que unha porcentaxe importante do persoal non coñece en profundidade o seu ámbito de traballo. Polo que agora os esforzos terán que centrarse nun proceso de aprendizaxe por parte dos profesionais para a adquisición das competencias necesarias para exercer no ámbito familiar e comunitario cuns estándares mínimos de calidade. No mellor de casos, as enfermeiras e enfermeiros que se incorporen aos centros de saúde nestes acoplamentos tardarán varios anos en adquirir as competencias necesarias para o desempeño profesional en atención primaria cunha adecuada calidade asistencial, ademais, a organización sanitaria deixa este proceso á voluntariedade dos profesionais.

Doutra banda, o SERGAS segue dilapidando os mais de 60.000€ investidos na formación de cada enfermeiro/a especialista en Enfermería Familiar e Comunitaria non permitíndolles o seu desenvolvemento profesional na atención primaria, o que significa a todas luces unha mala xestión dos recursos públicos destinados á formación de novos profesionais especialistas.

Por todo isto, a Asociación Galega de Enfermería Familiar e Comunitaria (AGEFEC) solicita ao SERGAS que adopte as medidas que considere necesarias para paliar esta situación e que, de forma inmediata e para os futuros procesos selección fixa e temporal ou para as convocatorias de concursos de traslados e/ou acoplamentos, se leven a cabo as seguintes medidas que poñan en valor a capacitación e a especialización dos/as enfermeiros/as no ámbito familiar e comunitario como garante dunha atención sanitaria co máis alto nivel de calidade:

  • Publicación no Diario Oficial de Galicia do Decreto de creación da categoría estatutaria de enfermeiro/a especialista onde se inclúen os/as especialistas en Enfermaría Familiar e Comunitaria.
  • Aplicación efectiva da categoría estatutaria de enfermeiro/a especialista no Servizo Galego de Saúde.
  • Valoración adecuada dos méritos e das capacidades nos concursos de traslados ou nos acoplamentos hospital – atención primaria en relación ás competencias da especialidade de Enfermería Familiar e Comunitaria.
  • Definición de todas as prazas de enfermería de atención primaria como prazas de especialista en Enfermería Familiar e Comunitaria.
  • Convocatoria de procesos de selección fixa e temporal específicos para o ámbito da Enfermería Familiar e Comunitaria.

 

 

XUNTA DIRECTIVA DA AGEFEC

Xullo 2016

agefec

agefec

1 Comment

Non están permitidos os comentarios.

Agefec é necesaria.
Somos necesarios