Sanidade ignora a formación e as competencias para a cobertura temporal de persoal enfermeiro en Saúde Pública.
Este luns 3 de outubro, publicabase no DOG a RESOLUCIÓN do 20 de setembro de 2016, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se regula o procedemento de cobertura temporal de postos de persoal funcionario sanitario da escala de saúde publica e administración sanitaria (Lei 17/1989, do 23 de outubro).
Nesta resolución a Dirección Xeral de Recursos Humanos ignora por completo a formación e as competencias específicas que se esixen nesta área poñendo como único mérito o tempo traballado.
Dende a Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria rexeitamos esta resolución xa que segundo o programa formativo da nosa especialidade, os/as enfermeiros/as máis idóneos para abordar as principais estratexias de prevención na sanidade Galega en canto aos estilos de vida saudábeis, cribados en poboacións, programas de vacinación, etc. son os especialistas en Enfermaría Familiar e Comunitaria, os cales reciben unha ampla formación de todos estes aspectos durante o seu período de residencia na Dirección Xeral de Saúde Pública. Outro antecedente destacado é a publicación do Decreto 81/2016, no cal se crea a categoría profesional de enfermeiro/a especialista na que se inclúe a especialidade de Enfermaría Familiar e Comunitaria.
Dende AGEFEC, como sociedade científica que aposta por un departamento de Saúde Pública de alta calidade, consideramos que esta regulación de selección temporal non garante en absoluto que se poida seleccionar a un enfermeiro/a coa mellor capacitación posible para o desempeño das funcións propias a realizar nun servizo de Saúde Pública, o que fai que a calidade científico-técnica dos enfermeiros e enfermeiras especialistas quede infravalorada, representando un evidente desaproveitamento dos recursos humanos e económicos cos que conta a Consellería de Sanidade no relativo á especialidade de Enfermaría Familiar e Comunitaria.
Por estas razóns, dende AGEFEC instamos a Recursos Humanos a reconsiderar a súa posición neste tema.
Non están permitidos os comentarios.