Cargando

Os enfermeiros especialistas de Galicia reclaman conxuntamente a súa inserción laboral con máis prazas de especialista no SERGAS

Os enfermeiros especialistas de Galicia reclaman conxuntamente a súa inserción laboral con máis prazas de especialista no SERGAS

  • Representantes das Sociedades Científicas Enfermeiras que representan aos especialistas de Familia e Comunitaria, Pediatría e Saúde Mental asinaron unha carta dirixida ao Conselleiro de Sanidade e outra a Directora Xeral de Recursos Humanos na que reclaman a inserción laboral e o incremento de prazas de Enfermeiras Especialistas no Servizo Galego de Saúde.
  • As catro Sociedades Científicas constituíron un grupo de traballo permanente para xuntar e coordinar esforzos co principal obxectivo de conseguir que o Servizo Galego de Saúde desenvolva o recollido no DECRETO 81/2016, do 23 de xuño, polo que se crea no ámbito do Servizo Galego de Saúde a categoría estatutaria de persoal enfermeiro especialista.

Este mércores 9 de novembro do 2016, representantes da Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria (AGEFEC), da Asociación Galega de Enfermaría Pediátrica (AGaEP), da Asociación de Enfermería do Ámbito Galego de Saúde Mental (AEAGSM) e da Asociación Galega de Matronas (AGAM), mantiveron un encontro na cidade de Vigo na que se expuxo a situación na que se atopa cada especialidade dentro do Servizo Galego de Saúde.

Froito deste encontro, os representantes das especialidades recollidas no DECRETO 81/2016 (Enfermaría Familiar e Comunitaria, Pediátrica e Saúde Mental) asinaron dúas cartas dirixidas ao Conselleiro de Sanidade e a Directora Xeral de Recursos Humanos nas que reclaman a inmediata apertura e posta en funcionamento das listaxes de selección temporal para as especialidades de Enfermaría Familiar e Comunitaria e Enfermaría Pediátrica, así como a dotación orzamentaria progresiva de prazas para a primeira e a reconversión de tódalas prazas de unidades de coidados pediátricos e de saúde mental ocupadas por enfermeiros/as fixos que posúan a titulación da especialidade correspondente. Pola outra banda, a Asociación Galega de Matronas (AGAM) amosa o seu total apoio a estas reivindicacións, entendendo a exclusión das matronas (enfermeiras especialistas en obstetricia e xinecoloxía) do devandito Decreto, dado que a situación de desenvolvento desta especialidade está en puntos distintos, pola súa traxectoria histórica. A pesar disto, consideran que tódolos enfermeiros/as especialistas dévense manter unidos para loitar pola reconversión das prazas que requiren unha atención especializada, no caso das matronas, todas aquelas prazas relacionadas cos coidados en todas as etapas da saúde sexual e reproductiva da muller.

Nas cartas, os representantes das enfermeiras e enfermeiros especialistas, fan mención a que nas Estratexias SERGAS 2020, a sanidade galega márcase como un dos retos para os próximos 4 anos o de “coidar aos bos profesionais para que sexan partícipes da súa organización, sendo máis importante que nunca polos en valor, dándolles moito máis peso ao desenvolvemento da súa excelencia profesional”.  Así mesmo defenden, que para levalo a cabo é fundamental que se aplique o DECRETO 81/2016, do 23 de xuño, polo que se recoñece no Servizo Galego de Saúde a categoría estatutaria de persoal enfermeiro especialista.

Logo da análise levada a cabo no encontro sobre a situación actual das especialidades enfermeiras, as catro sociedades científicas acordaron crear un grupo de traballo conxunto e permanente para xuntar e coordinar esforzos, co obxectivo de lograr que as enfermeiras e enfermeiros especialistas desenvolvan todo o seu potencial no SERGAS, e este poida aproveitar o esforzo humano e económico investido nestes profesionais para proporcionar unha atención con niveis de excelencia á cidadanía galega.

Carta Conselleiro

Carta DX RRHH

agefec

agefec

Non están permitidos os comentarios.

Agefec é necesaria.
Somos necesarios