Cargando

Plan Galego de Atención á Cronicidade

Plan Galego de Atención á Cronicidade

AGEFEC participará no desenvolvemento do “Plan Galego de Atención á Cronicidade” que o SERGAS comezará a elaborar de forma inmediata, o cal representa para a nosa Sociedade Científica unha absoluta prioridade. Tal é como se recolle no noso plan de mellora dos coidados enfermeiros na Atención Primaria.

A persoa designada pola Xunta Directiva da AGEFEC para representar a nosa Sociedade Científica neste Grupo de Traballo é “Xosé Luis Álvarez Prieto”. Enfermeiro da EOXI de Ourense cunha ampla e contrastada traxectoria en Atención Primaria, así como tamén na elaboración de estratexias de atención a cronicidade, tanto no ámbito autonómico como no nacional. Tamén foi o representante da AGEFEC no anterior Grupo de Traballo sobre cronicidade convocado pola Consellería de Sanidade en 2013.

No Plan Galego de Atención á Cronicidade, teñen que cobrar un especial protagonismo todos os profesionais da Atención Primaria, e en especial os Enfermeiros e Enfermeiras de Familia e Comunitaria, apostando entre outra cousas por pola realización nos centros de Atención Primaria de actividades de promoción da saúde e do fomento dos estilos de vida saudables; implicando aos pacientes no seu autocoidado, promovendo unha abordaxe socio-sanitaria dos pacientes nos casos oportunos; e incrementando o control, mediante unha perspectiva integral, dos pacientes polimedicados. Apostando por un novo modelo no que se fomente a atención ao domicilio e o uso das novas tecnoloxías entre outros aspectos a destacar.

A Enfermeira de Familia e Comunitaria ten que establecer obxectivos de saúde na poboación máis fráxil e definir os indicadores de proceso e resultado para poder medir, analizar e avaliar a súa práctica. Como acabo de nomear, a atención domiciliaria ten que ser un dos eixos centrais sobre os que traballen os Enfermeiros/as de Familia e Comunitaria no marco da cronicidade, sendo indispensable para garantir a continuidade no proceso de coidados dando resposta as múltiples necesidades socio-sanitarias que presentan os pacientes. A sociedade ten que ser consciente de que os Enfermeiros/as de  Familia e Comunitaria xogan un papel determinante nos coidados domiciliarios das persoas con patoloxías crónicas e dependentes.

A atención domiciliaria ten que ser un dos eixos sobre o que se debe vertebrar o traballo enfermeiro en atención primaria en relación coa cronicidade, mudando dun modelo de traballo “a demanda” cara un traballo proactivo.

 

 

agefec

agefec

Non están permitidos os comentarios.

Agefec é necesaria.
Somos necesarios