Cargando

AGEFEC reúnese coa Portavoz de Sanidade de En Marea

AGEFEC reúnese coa Portavoz de Sanidade de En Marea

O pasado xoves 19 de xaneiro do 2017, no marco de contacto con tódolos grupos do Parlamento de Galicia, representantes da Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria (AGEFEC), mantiveron un encontro coa Portavoz de Sanidade de En Marea no Parlamento de Galicia, a Vicepresidente 2ª do Parlamento Eva Solla. Pola parte de AGEFEC acudiron o Vicepresidente 1º Álvaro Carrera, a Tesoureira Silvia Pazos e a membro do grupo asesor “Promoción da Especialidade” Nerea Costas.

Neste encontro, os responsables da AGEFEC trasladáronlle á Deputada a situación de bloqueo na que se atopa a inserción laboral dos Enfermeiros e Enfermeiras Especialistas en Familiar e Comunitaria no SERGAS.

Despois do recoñecemento da categoría estatutaria de Enfermeiro/a Especialista en Enfermaría Familiar e Comunitaria por medio do Decreto 81/2016, a día de hoxe o SERGAS segue sen dotar a Atención Primaria das prazas necesarias para a fidelización destes Especialistas e contar con persoal formado e preparado para abordar os principais retos do noso sistema sanitario como son o envellecemento e a cronicidade, así como tamén reforzar a Promoción da Saúde e a Prevención da enfermidade dende a Atención Primaria.

Así mesmo, os representantes da AGEFEC,  destacaron o agravio comparativo e a discriminación que está a levar a cabo o Servizo Galego de Saúde na contratación eventual e a fidelización de especialistas, xa que as especialidades enfermeiras de ámbito hospitalario recoñéceselle a súa especialidade para vínculos co SERGAS de carácter eventual, sen embargo aos especialistas de Enfermaría  Familiar e Comunitaria non.

Dende AGEFEC consideramos este feito como un claro síntoma de que a Consellería de Sanidade e o SERGAS non aposta pola Atención Primaria, nin aposta por unha resposta eficiente aos retos de envellecemento e a cronicidade das patoloxías.

A responsable do Grupo Parlamentario de En Marea comprometeuse a apoiar a inserción destes especialistas no Sistema Sanitario Público de Galicia.

Dende AGEFEC queremos agradecer o apoio mostrado por En Marea.

agefec

agefec

Non están permitidos os comentarios.

Agefec é necesaria.
Somos necesarios