Cargando

10 anos de AGEFEC: 14 de febreiro 2007-2017. Carta aberta aos socios/as

10 anos de AGEFEC: 14 de febreiro 2007-2017. Carta aberta aos socios/as

Estimados compañeiros e compañeiras:

Tal día coma hoxe, aló polo 2007, un grupo de enfermeiras e enfermeiros comprometidos coa nosa profesión e coa Atención Primaria, poñían a andar un proxecto ilusionante no que co paso dos anos investirían moito tempo das súas vidas e lograrían que se sumasen a el todos e todas vós.

Este proxecto que foi medrando pouco a pouco, permitiunos acadar unha representación digna da nosa profesión e especialmente do noso ámbito asistencial que estaba descoidado. Gracias a AGEFEC levamos conseguidos importantes logros como a libre elección enfermeira, a publicación do programa formativo da nosa especialidade, a oferta das primeiras prazas de formación de especialistas na nosa comunidade, a creación da categoría profesional de enfermeiro/a especialista (onde se inclúe a nosa especialidade de Enfermaría Familiar e Comunitaria), o deseño do programa Conecta-72, a eliminación da denominación de ATS/DUE substituíndoa por Enfermeiro/a, e a participación en tódolos grupos de traballo promovidos polo SERGAS que teñen relación coa Atención Primaria. Pero tamén é certo que aínda temos importantes fitos por conquistar, como son a realización da proba de acceso extraordinario ao título de especialista, ou a reconversión da totalidade das prazas de enfermaría de Atención Primaria en prazas de Enfermeiro/a de Familia e Comunitaria. Xuntos coma sempre, lograrémolo.

Podemos dicir orgullosamente 10 anos despois (2007-2017), que a día de hoxe somos a Sociedade Científica Enfermeira máis grande de Galicia, que agrupamos xeracións de enfermeiras e enfermeiros con moito potencial, compromiso e ganas de mellorar cada día a Atención Primaria e a nosa profesión. Temos pasado, presente e sobre todo moito futuro.

AGEFEC ten hoxe en día uns pilares moi sólidos (administrativos, xestores, funcionais, estruturais e corporativos), pero destaca o humano por riba de calque outro; esa xeración de Enfermeiras e Enfermeiros que puxestes a andar a Atención Primaria de Galicia con moito esforzo e dedicación. Outra xeración que se sumou para apoiar e dar continuidade a este gran proxecto, e esta última xeración máis nova, de especialistas vía EIR que ven coa ilusión, forza e vontade que a Atención Primaria de Galicia precisa para compensar décadas de abandono por parte da Administración.

Estamos nun momento no que temos a todos xuntos e en activo, no momento ideal e preciso, no que a reformulación da Atención Primaria está sobre a mesa. Todo grazas a que vos unistes a este gran proxecto que é a Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria.

Dez anos non son nada. Son simplemente unha década. Pero unha década chea de moitos de cambios, melloras e atrancos que coa forza de todos se foron e se van superando.

Por último, e para finalizar, queremos darvos as grazas a todos, aos que destes o primeiro paso, aos que estades, aos que estiveron e a todos aqueles que a pesares de todo, exercedes con dignidade e orgullo A ENFERMARÍA e a ATENCIÓN PRIMARIA. Moitas grazas!!!

 

A Xunta Directiva

agefec

agefec

Non están permitidos os comentarios.

Agefec é necesaria.
Somos necesarios