Cargando

Os enfermeiros de Atención Primaria denuncian publicamente que o SERGAS non valora os méritos e a capacitación para traballar neste nivel asistencial

Os enfermeiros de Atención Primaria denuncian publicamente que o SERGAS non valora os méritos e a capacitación para traballar neste nivel asistencial

  • A Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria, denuncia publicamente o nulo interese do SERGAS por ter en Atención Primaria aos Enfermeiros cos mellores méritos e capacitación tras os recentes acordos en materia de mobilidade provisional.
  • Nun momento no que o SERGAS quere fomentar a cultura do coñecemento, é incongruente non valorar méritos como a formación, a actividade científica ou a experiencia no campo concreto.

Dende a Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria (AGEFEC) vémonos na obriga de denunciar publicamente, con fondo pesar, que nos procesos de mobilidade provisional, prevalezan os intereses sindicais sobre a calidade dos coidados que se prestan.

Os recentes acordos de mobilidade provisional nas áreas da Coruña e de Vigo, responden unha vez máis ao nulo valor que os xestores sanitarios lle outorgan aos méritos e a capacitación no ámbito familiar e comunitario. Denigrando cada vez máis a misión da Atención Primaria, coa cultura do “todo vale”.

Tódolos profesionais teñen opción de mellorar a súa formación. Parécenos lamentable e irresponsable que o SERGAS nin sequera a valore por desinterese e por presións sindicais.

Nun momento no que tódolos profesionais teñen opción de mellorar a súa formación, mediante a especialización, mestrados, doutorados, actividade científica, etc. o Servizo Galego de Saúde continúa dando prioridade a antigüidade total e a idade, sen valorar sequera a formación ou a experiencia relacionada co ámbito asistencial no que se desenvolve a actividade. Parécenos lamentable e irresponsable, que o SERGAS ceda diante de determinadas presións sindicais en prexuízo de profesionais con praza en propiedade que teñen competencias, experiencia e formación en Atención Primaria e se discriminan premeditadamente en prexuízo destes e dos pacientes.

Este tipo de actos, van directamente contra as políticas que defende publicamente o SERGAS, xa que contribúen a descapitalización do coñecemento acumulado durante anos pola profesión enfermeira e, polo tanto, poñendo en risco a calidade dos coidados que se prestan aos cidadáns desde o primeiro ámbito asistencial.

Nun momento como o actual, no que o SERGAS se atopa en proceso de desenvolvemento das estratexias de atención ás persoas con enfermidades crónicas, dificilmente se poderán manter algunhas liñas de traballo ou poñer en marcha novas iniciativas nun contexto no que unha porcentaxe importante do persoal non coñece en profundidade o seu ámbito de traballo. Polo que agora os esforzos terán que centrarse nun proceso de aprendizaxe por parte dos profesionais para a adquisición das competencias necesarias para exercer no ámbito familiar e comunitario cuns estándares mínimos de calidade. No mellor dos casos, as enfermeiras e enfermeiros que se incorporen aos centros de saúde nestes acoplamentos tardarán varios anos en adquirir as competencias necesarias para o desempeño profesional en atención primaria cunha adecuada calidade asistencial, ademais, a organización sanitaria deixa este proceso á voluntariedade dos profesionais.

Debe prevalecer o interese dos pacientes sobre os sindicais, xa que a resposta á conciliación laboral debe resolverse no propio ámbito hospitalario. A Atención Primaria non é un caixón de xastre onde todo vale.

Dende a Asociación Galega de Enfermería Familiar e Comunitaria (AGEFEC), confiamos en que estes criterios se modifiquen, se pare a discriminación dos profesionais con competencias e coñecementos específicos na Atención Primaria e que prevaleza o interese dos pacientes sobre os sindicais, xa que a resposta á conciliación laboral debe ser dentro do propio ámbito hospitalario e non poñendo a Atención Primaria como o caixón de xastre no que todo e calquera vale.

Bases mobilidade Área da Coruña

 

Posicionamento da AGEFEC en relación á actual normativa dos procesos de selección e traslados da categoría enfermeira/o no Servizo Galego de Saúde para o ámbito da atención primaria

agefec

agefec

Non están permitidos os comentarios.

Agefec é necesaria.
Somos necesarios