Cargando

Os Titores de Enfermaría Familiar e Comunitaria reclaman a inserción dos especialistas na Atención Primaria galega

Os Titores de Enfermaría Familiar e Comunitaria reclaman a inserción dos especialistas na Atención Primaria galega

  • Nunha carta dirixida ao Conselleiro de Sanidade, mostran o “máis profundo desacordo” en relación á provisión de prazas vacantes de Enfermaría Familiar e Comunitaria nos Centros de Atención Primaria.
  • A carta nace como reacción ao profundo malestar no colectivo de Atención Primaria ante o bloqueo e a nula posta en valor dos Enfermeiros Especialistas en Enfermaría Familiar e Comunitaria.
  • A Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria (AGEFEC) rexistrou este mesmo venres unha petición de reunión urxente co Conselleiro de Sanidade ante a gravidade da situación na que está inmersa este colectivo de Enfermeiros Especialistas.

Os titores EIR de tódalas Unidades Docentes Multiprofesionais de Atención Familiar e Comunitaria de Galicia, con prazas de formación en Enfermaría Familiar e Comunitaria (A Coruña, Ferrol, Vigo, Ourense e Pontevedra), están facendo chegar unha carta conxunta dende as súas respectivas áreas ao Conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, na que manifestan o seu “máis profundo desacordo perante a resolución tomada pola Consellería en relación á provisión de prazas vacantes de enfermería nos Centros de Atención Primaria”.

Nesta misiva dirixida ao Conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, os Titores que forman a estes especialistas denuncian que “afastar ós especialistas en Enfermería Familiar e Comunitaria da posibilidade de traballar no ámbito para o que foron formados estase causando un dano”.

Os titores sustentan a súa afirmación en tres pilares:

  • Os beneficios asistenciais mediante a potenciación da prevención e a educación para a saúde na poboación, ao longo de tódalas etapas da vida, o que repercute nunha diminución da demanda asistencial e no incremento da calidade de vida dos cidadáns.
  • O gran esforzo que teñen realizado e realizan cada día os titores para formar a estes enfermeiros especialistas moitas veces “incluso fóra do noso horario laboral”.
  • Polos especialistas, que non poden reverter todo ese investimento de coñecementos e recursos adquiridos coa especialización en Enfermaría Familiar e Comunitaria, xa que traballan como enfermeiros fóra da Atención Primaria.

Finalmente, os titores instan ao Conselleiro a reflexionar “seriamente sobre esta desafortunada decisión que nos afecta a todos, e que se teña en conta a estes profesionais formados para proporcionar coidados de calidade na Atención Primaria de Saúde”. “Nós, como integrantes deste sector, somos moi conscientes do beneficio que reportaría o feito de que persoas con enerxía, cualificación e implicación se vaian incorporando, aínda que sexa de xeito gradual, á área da Atención Primaria de Saúde de Galicia”.

 

A Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria (AGEFEC) solicitou unha reunión urxente co Conselleiro.

A Sociedade Científica que agrupa aos Enfermeiros e Enfermeiras de Atención Primaria de Galicia, mostra o seu total apoio aos titores desta especialidade nesta iniciativa e en tódalas súas demandas, polo que ante esta situación desoladora e de extrema gravidade, que aboca aos especialistas a desenvolver a súa profesión fóra do ámbito asistencial no que están especializados ou incluso a ter que marchar a outras comunidades onde si recoñecen a súa formación e reverten o investimento realizado neles, a Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria (AGEFEC) solicitou unha reunión de carácter urxente co Conselleiro, “para poñer fin a esta situación insostible” .

agefec

agefec

1 Comment

Non están permitidos os comentarios.

Agefec é necesaria.
Somos necesarios