Cargando

AGEFEC celebra os seus 10 anos

AGEFEC celebra os seus 10 anos

O pasado venres 21 de marzo, conmemorando a data das primeiras xornadas da Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria (AGEFEC) no ano 2007, celebrouse unha xornada para conmemorar esta primeira década de soños, ilusións, traballo e obxectivos acadados. Que en palabras de Manuel Vidal Fernández Fernández, socio fundador e ex-Presidente da AGEFEC, “cando se constituíu AGEFEC, nunca pensei que 10 anos despois ía continuar con vida, e moito menos coa potencia, actividade e influenza que ten a día de hoxe”.

O acto comezou da man de Manuel V. Fernández e Lorena Comesaña, unha benvida cargada de simbolismo polo que representan estes dous socios, por un lado, un dos moitos profesionais e compañeiros que participaron e traballaron duramente para poñer en marcha a Atención Primaria que todos hoxe coñecemos, e pola outra banda, Lorena Comesaña, a primeira Enfermeira especialista en Familia e Comunitaria galega que representa o relevo xeracional da Enfermaría de Atención Primaria así como esta nova etapa que goza de formación regrada e específica no ámbito familiar e comunitario da Atención Primaria. Comesaña en representación desta nova xeración de Enfermeiros e Enfermeiras formados para a Atención Primaria destacou que “todos ao acabar estamos motivados, con ganas de poñernos mans a obra e sobre todo con moita forza”.

O acto central da xornada deste 10º aniversario, correu da man da mesa: Coñecer o pasado para construír o futuro, que correu a cargo de tres poñentes.

O primeiro en comezar foi o Dr. Carlos González Gutián, Licenciado en Xeografía e Historia pola USC, actualmente Xefe do Servizo Bibliotecario do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña e Coordinador de Bibliosaúde, que expuxo a comunicación por título “Isabel Zendal primeira enfermeira de saúde pública en misión internacional”.

 

 

A continuación a Dra. Mercedes González Peteiro, Enfermeira especialista en Enf. Obstétrico-Xinecolóxica, Licenciada en Antropoloxía Social e Cultural, Profesora da Facultade de Enfermaría da USC, expuxo a comunicación “A enfermería unha profesión secular” na que repasou o nacemento da profesión enfermeira así como a evolución que foi sufrindo co paso dos tempos.

Por último o Doutorando Francisco Jesús Represas Carrera, Enfermeiro Especialista en Enf. Familiar e Comunitaria, con Mestrados en Asistencia e Investigación Sanitaria, en Educación e Promoción para a Saúde e Educación Comunitaria, e en Asistencia en Urxencias e Emerxencias, expuxo a comunicación “Enfermería Familiar e Comunitaria: presente e futuro da nosa profesión”. Represas fixo un repaso dos fundamentos da especialidade, así como a súa xustificación de existencia, as competencias dos especialistas e os parámetros nos que está terá que desenvolverse.

O acto continuou coa proxección do vídeo “AGEFEC un espazo común para a enfermería familiar e comunitaria de Galicia” que foi realizado para a conmemoración deste 10º aniversario con entrevista a socios fundadores e novos membros de AGEFEC.

 

 

A conferencia de clausura correu da man de Héctor Castiñeira López, Enfermeiro especialista en Enf. de Empresa polo Instituto Carlos III, experto en coidados críticos do paciente adulto e pediátrico e Mestrado en Formación do Profesorado, tamén coñecido polo seu personaxe nas redes sociais “Enfermera Saturada”. Castiñeira na súa conferencia expuxo a comunicación “As redes sociais ao servizo da Enfermería Comunitaria. Novos entornos de saúde.”  Na que falou da súa experiencia persoal a través desta personaxe así como o papel que teñen estes novos ámbitos de comunicación como ferramenta profesional.

 

A xornada rematou cun encontro social dos asistentes, no que AGEFEC como non podía ser doutro xeito tivo que soprar as velas.

 

 

 

 

 

 

 

Para ver o resto de imaxes do evento, preme aquí

agefec

agefec

Non están permitidos os comentarios.

Agefec é necesaria.
Somos necesarios