Cargando

Obxectivo histórico cumprido: segundo paso para que a Atención Primaria conte con especialistas en EFeC

Obxectivo histórico cumprido: segundo paso para que a Atención Primaria conte con especialistas en EFeC

  • Este martes 4 de xullo, o Diario Oficial de Galicia publica a RESOLUCIÓN do 22 de xuño de 2017, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se inicia o prazo para a inscrición de aspirantes á formalización de nomeamentos estatutarios temporais de enfermeiro/a especialista en enfermaría familiar e comunitaria no ámbito das institucións sanitarias do Sistema público de saúde de Galicia.

Despois de moitos anos – un tempo moi excesivo ao noso xuízo – e dun longo, intenso e duro traballo da Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria que liderou e promoveu activamente acadar este fito, xunto ao traballo e implicación das organizacións sindicais (CIG, CCOO, CSIF e UGT) así como tamén da Administración sanitaria, podemos dicir, que hoxe  comeza a andaina da integración dos Enfermeiros e Enfermeiras Especialistas en Familiar e Comunitaria nos cadros de Atención Primaria do Servizo Galego de Saúde.

Esta medida levará consigo a amortización do investimento realizado na formación destes Enfermeiros/as Especialistas en Familiar e Comunitaria, que supoñen grandes contías económicas (60.000 € por especialista cuns 150 especialistas o que da un investimento aproximado duns 9 millóns de euros) e esforzo humano (titores, colaboradores docentes, unidades docentes, persoal dos centros docentes, administración, AGEFEC, etc.). Dita amortización supón unha medida de gran calado que proporcionará de profesionais formados por e para a Atención Primaria actual e futura. Profesionais preparados para abordar e facer fronte aos retos demográficos e de saúde que ten por diante o Sistema Público de Saúde de Galicia.

Coa promoción da saúde, a prevención da enfermidade e a abordaxe aos pacientes fráxiles, crónicos e pluripatolóxicos por bandeira mediante unha atención integral á familia e a comunidade estes enfermeiros especialistas deberán asumir o reto de continuar mellorando a labor de todos aqueles enfermeiros e enfermeiras que xunto ao resto de profesionais da Atención Primaria puxeron en marcha este recurso asistencial.

Nembargantes, esta medida histórica – moi agardada por esta Sociedade Científica dende a súa fundación – debe vir acompañada pola creación de prazas para estes profesionais no ámbito de toda a Atención Primaria. Ademais, non será posible acadar plenamente este obxectivo mentres o Ministerio de Educación non realice a proba de acceso extraordinario á especialidade de Enfermaría Familiar e Comunitaria. Este recoñecemento imprescindible para todos aqueles profesionais que a día de hoxe desenvolven o seu traballo na Atención Primaria e tamén do grupo menos numeroso pero existente que desenvolve a súa labor asistencial fóra de dito ámbito, o cal facilitará sen lugar a dúbidas que poidan desenvolver o seu traballo no ámbito da súa especialidade, que redundará claramente en beneficios para a poboación de Galicia.

Por último, dende a Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria (AGEFEC) queremos agradecer o traballo e implicación das organizacións sindicais CIG, CCOO, CSIF e UGT, que apostan claramente por unha profesión enfermeira cada vez mellor formada e preparada, á altura dos países nos que esta profesión é pioneira, para os retos asistenciais aos que ten que facer fronte o noso Sistema Público de Saúde.

agefec

agefec

Non están permitidos os comentarios.

Agefec é necesaria.
Somos necesarios