As sociedades científicas enfermeiras de Galicia piden melloras na xestión do persoal enfermeiro eventual
- As sociedades científicas enfermeiras de Galicia, piden melloras á Consellería de Sanidade na xestión das substitucións e reforzos, que realizan os enfermeiros eventuais no Sergas.
- Nestes días, fíxose pública a sentenza na que se condenaba a Consellería de Sanidade a indemnizar a nai dunha neonata que faleceu por un erro na administración dun fármaco, xusto despois do parto, por unha enfermeira contratada por dous días, nun servizo no que carecía de experiencia e formación especializada.
As sociedades científicas enfermeiras e asociacións profesionais das diferentes especialidades enfermeiras de Galicia, veñen de remitir este luns unha carta asinada o pasado sábado día 2 de decembro ao Conselleiro de Sanidade en relación a esta sentenza. https://www.lavozdegalicia.es/noticia/galicia/2017/11/21/sergas-tendra-indemnizar-150000-euros-padres-bebe-murio-ferrol/0003_201711G21P8991.htm http://www.europapress.es/galicia/noticia-absuelta-enfermera-juzgada-muerte-bebe-recien-nacido-hospital-arquitecto-marcide-ferrol-2010-20130507142147.html
Na misiva, as sociedades científicas recoñecen o esforzo da Consellería en canto a adopción de melloras na seguridade do paciente, porén, recoñecen que estas melloras non se implantan de xeito homoxéneo nin na súa totalidade.
Denuncian que «a política de selección temporal do Servizo Galego de Saúde, da lugar a que as enfermeiras e enfermeiros eventuais poidan estar cada día traballando nun servizo diferente, feito que impide e imposibilita que estes profesionais poidan adquirir a experiencia necesaria nunha área, non podendo por tanto adquirir as competencias necesarias e coñecementos avanzados dunha área de coidados que mellore a seguridade do paciente e a calidade dos coidados.»
Así mesmo, engaden que, «o Servizo Galego de Saúde conta con enfermeiras e enfermeiros especialistas, formados gran parte deles polo propio Sergas, que se atopan tamén nesta mesma situación: saltando de servizo en servizo, sen posibilidade de traballar de forma continuada na área de coidados na que están formados, e na que melloran as garantías de seguridade do paciente e a calidade asistencial, a maiores de ser un recurso valioso para a implantación de programas innovadores.»
As sociedades científicas recoñécenlle ao titular da Consellería que «o cambio dunha política de tales dimensións e tradición, non é doado», porén, consideran que o Sergas debe levar a iniciativa para que esta situación mellore.
Os asinantes da carta, solicitan melloras na política de selección temporal de enfermeiros e enfermeiras no Sergas, entre as que consideran prioritarias:
- Que as enfermeiras e enfermeiros especialistas, sexan seleccionados prioritariamente para as áreas da súa especialidade.
- Que se mellore a planificación e a organización das necesidades do persoal enfermeiro eventual de coidados xerais (evitar que estean saltando de servizo en servizo) coa fin de:
- Mellorar a adquisición de competencias nas áreas específicas de coidados.
- Diminuír o risco psicosocial dos traballadores asociado a este tipo de contratos.
- Que se amplíe o número de áreas especiais de Atención Hospitalaria, en beneficio da seguridade do paciente e a calidade dos coidados que se prestan, polo que é fundamental mellora-la regulación do funcionamento das mesmas, as condicións laborais e a oferta de contratos aos inscritos nas mesmas.
A carta finaliza co ofrecemento destas organizacións, que agrupan a un gran número de enfermeiros e enfermeiras galegos, para colaborar coas iniciativas que a Consellería promova para mellorar a seguridade do paciente e a calidade dos coidados que se prestan no Servizo Galego de Saúde.
As sociedades científicas que asinaron a carta son:
- Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria (AGEFEC)
- Asociación Galega de Enfermaría Pediátrica (AGaEP)
- Asociación de Enfermería do Ámbito Galego de Saúde Mental (AEAGSM)
- Asociación Galega de Matronas (AGAM)
- Asociación de Especialistas en Enfermería do Traballo de Galicia (AETGa)
Non están permitidos os comentarios.