Cargando

As sociedades científicas galegas de Atención Primaria rexeitan os criterios empregados polo SERGAS no concurso de traslados de Enfermaría

As sociedades científicas galegas de Atención Primaria rexeitan os criterios empregados polo SERGAS no concurso de traslados de Enfermaría

A Atención Primaria de Saúde é unha área específica que require dunha inversión estratéxica, garantindo a dispoñibilidade daqueles profesionais do sistema de saúde coa maior formación e experiencia específica, xa que, do seu nivel de desenvolvemento depende a viabilidade do noso sistema sanitario.

Segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), os sistemas sanitarios que teñen unha Atención Primaria ben desenvolvida, son moito máis eficientes e acadan mellores resultados de saúde, existindo unha forte evidencia entre o nivel de desenvolvemento da Atención Primaria e unha mellor saúde dos cidadáns, menor número de ingresos hospitalarios evitables e maior equidade.

Non é posible na actualidade, entende-lo avance da Atención Primaria de Saúde galega sen o desenvolvemento da especialidade de Medicina Familiar e Comunitaria e do traballo realizado polos Enfermeiros e Enfermeiras dende o seu comezo. Pero a pesares dos bos resultados obtidos co actual modelo de Atención Primaria, a Administración sanitaria resístese a implantar a especialidade de Enfermaría Familiar e Comunitaria. Desde o ano 2011 o Servizo Galego de Saúde (SERGAS) leva gastado recursos económicos e humanos en formar a máis de 100 profesionais nesta especialidade enfermeira, que a día de hoxe desaproveita incomprensiblemente.

O traballo das Enfermeiras e Enfermeiros de Atención Primaria require hoxe en día a maiores da formación básica xeral que se adquire na universidade, dunha formación superior e regrada, para a adquisición de competencias, coñecementos e habilidades que se adquiren mediante a Formación Sanitaria Especializada en Enfermaría Familiar e Comunitaria, ou mediante unha longa traxectoria na Atención Primaria acompañada de formación continuada específica, como é o caso de tódolos profesionais enfermeiros pendentes da obtención do título de especialista mediante o acceso por exame extraordinario.

Entendemos no contexto actual, cunha poboación moi envellecida, con altas prevalencias de patoloxías crónicas concomitantes e dependencia, que a Atención Primaria de Saúde precisa de profesionais médicos e enfermeiros especializados en Atención Familiar e Comunitaria para facer fronte a esta realidade.

O SERGAS publicou as bases do concurso de traslados aberto e permanente, as cales reflexan a totalidade de prazas vacantes da categoría de Enfermeiro/a na Atención Primaria. Rexeitamos que nas bases do concurso de traslados non se teña en conta nin a experiencia, nin a formación específica no ámbito da Atención Primaria, considerando como mérito case exclusivo a antigüidade, baremo que ao noso xuízo non segue os principios de igualdade, mérito e capacidade. Non é entendible que no século XXI unha organización da magnitude do Servizo Galego de Saúde, dirixa a mobilidade interna dos seus postos simplemente por “trienios” sen considerar factores como son a competencia, adecuación, experiencia e coñecemento. Consideramos que esta medida, non está centrada nos intereses dos usuarios do sistema sanitario galego.

Estes traslados contribúen a descapitalización da Atención Primaria de Saúde, dado que a inmensa maioría dos/as Enfermeiros/as que chegarán a Atención Primaria non posúen unha formación especializada e non adquiriron previamente as competencias avanzadas necesarias para desenvolver a súa labor con seguridade e calidade no ámbito da Atención Primaria.

As Sociedades Científicas Galegas de Atención Primaria que asinamos o presente documento, solicitamos a Consellería de Sanidade así como ás organizacións e axentes sociais responsables destes traslados:

  • Que se modifique o actual baremo de traslados dando o peso principal á formación e a experiencia na Atención Primaria de Saúde, en especial aos profesionais que cumpriron os requisitos para a solicitude da obtención do título de especialista en Enfermaría Familiar e Comunitaria mediante exame extraordinario, respectando deste xeito os principios de igualdade, mérito e capacidade.
  • A reconversión de prazas de Enfermeiro/a de Atención Primaria en Enfermeiro/a Especialista en Enfermaría Familiar e Comunitaria en función do número de especialistas dispoñibles, de xeito que se garanta a amortización do investimento realizado na súa formación. Ademais de ser unha garantía da mellora da calidade dos coidados e da carteira de servizos da Enfermaría de Atención Primaria, o que beneficiará aos usuarios do Sistema Público de Saúde Galicia.

 

Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria (AGEFEC)

Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC)

Asociación Española de Médicos de Atención Primaria – Galicia (SEMERGEN Galicia)

Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia – Galicia (SEMG Galicia)

 

agefec

agefec

Non están permitidos os comentarios.

Agefec é necesaria.
Somos necesarios