Concurso de acceso á categoría de Enfermeiro Especialista no Servizo Galego de Saúde
Hoxe publícase no DOG a resolución pola que se aproban as bases do procedemento do concurso específico para a provisión de prazas da categoría de enfermeira/o especialista dirixidas a persoal fixo.
Cada especialidade terá o seu prazo específico de acceso que se publicará no DOG de forma gradual e progresiva atendendo ás necesidades de planificación asistencial e orzamentaria. En canto á especialidade de Enfermaría Familiar e Comunitaria, este procedemento non se abrirá ata que se celebre a proba de obtención do título pola vía extraordinaria.
As persoas interesadas en participar no proceso deberán posuír na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes e manter ata a toma de posesión como persoal estatutario fixo na categoría de enfermeiro/a especialista do Servizo Galego de Saúde os seguintes requisitos:
- Ter a condición de persoal estatutario fixo diplomado ou graduado universitario de enfermaría con vínculo de fixeza con destino definitivo no centro en que se oferta a praza.
- Desempeñar ou ter desempeñado no Servizo Galego de Saúde as funcións propias da especialidade a que concorra.
- Estar en servizo activo en institucións sanitarias do Sistema público de saúde de Galicia e con nomeamento como persoal estatutario fixo durante, polo menos, dous anos na categoría de procedencia.
- Titulación: estar en posesión da titulación que se especifique na respectiva resolución de convocatoria ou estar en condicións de obtela dentro do prazo de presentación de solicitudes.
De acordo co establecido na disposición transitoria segunda do Decreto 81/2016, do 23 de xuño, o sistema de selección será o de concurso. Só se poderá acceder a prazas ofertadas no centro en que o aspirante ten o destino definitivo. Os aspirantes que obteñan praza no concurso poderán solicitar o pase á situación de excedencia por prestación de servizos no sector público na categoría de orixe.
Non están permitidos os comentarios.