Resumo das VI Xornadas Científicas da AGEFEC
Discurso Inaugural do Presidente da AGEFEC
Estimado Xerente e Director de Procesos de Enfermaría da EOXI de Ferrol, estimado Vicepresidente do Colexio Oficial de Enfermaría da Coruña, membros dos Comités Organizador e Científico, e demais compañeiros e compañeiras que hoxe tivestes a ben participar nesta VI edición das Xornadas Científicas bianuais da Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria:
A AGEFEC, que é a Sociedade Científica Enfermeira mais numerosa de Galicia a cal representa á Enfermaría Familiar e Comunitaria da nosa Comunidade, celebra este ano en Ferrol as súas VI Xornadas Científicas co lema “Abordando novos retos”.
Nestas Xornadas abordaremos como temática principal O DOMICILIO E A COMUNIDADE como dúas das nosas áreas de traballo en Atención Primaria. Tendo como obxectivo por en valor estes escenarios que son parte da esencia do noso traballo, nunhas situacións, como a fraxilidade e o final da vida, onde o acompañamento e o coidado dos Enfermeiros e Enfermeiras de Familia e Comunitaria son indispensables.
Esta temática xustifícase por que a Sanidade Pública Galega atópase nun momento de cambio. As novas demandas de servizos sanitarios, focalizadas fundamentalmente nas persoas de maior idade, cunha ou mais enfermidades crónicas e o aumento do número de pacientes polimedicados, requiren dunha re-invención dos servizos sanitarios para mellorar os recursos existentes conseguindo así que o Sistema Sanitario Galego sexa sostible. Ademáis de permitir e garantir que os profesionais que traballamos nel, prestemos unha atención a tódolos galegos coa máxima calidade, e no noso caso dende o primeiro nivel asistencial.
Dende a AGEFEC, queremos resaltar á necesidade de que a Consellería de Sanidade publique definitivamente e comece a implantación da “ESTRATEXIA GALEGA PARA PERSONAS CON ENFERMIDADES CRÓNICAS”, co obxectivo de garantir e consolidar así un modelo asistencial proactivo e homoxéneo dende a Atención Primaria centrado na atención á cronicidade. Os pacientes crónicos precisan dunha abordaxe flexible, individualizada, adaptando o coidado da saúde as distintas fases da súa enfermidade, as necesidades da persoa, aos seus intereses, aos seus seres queridos, e ao medio cultural no que se lle ten que prestar esta atención. Iso si, é incuestionable que este modelo estea sustentado e liderado dende a Atención Primaria, onde os Enfermeiros e Enfermeiras de Familia e Comunitaria asuman e lideren gran parte da actividade asistencial, pero sempre tendo en conta o noso traballo en equipos multidisciplinares.
Neste aspecto, necesitamos seguir potenciando e mellorando as ferramentas das que dispoñemos para facilitar a continuidade asistencial, a cal é básica para afrontar as múltiples necesidades dos pacientes crónicos e tamén as necesidades dos que necesitan dos nosos coidados nas últimas etapas da súa vida. O programa asistencial Conecta-72 foi un gran logro neste aspecto, pero non nos podemos conformar. Temos que seguir mellorando e potenciando as ferramentas das que dispoñemos, por iso CONSIDERAMOS NECESARIO UNHA ACTUALIZACIÓN E MELLORA DESTE PROGRAMA CONECTA-72.
Pero neste novo escenario de atención á cronicidade amosámonos totalmente contrarios a un novo movemento autodenominado “FARMACIA COMUNITARIA”, a partires do cal, os profesionais que traballan dispensando fármacos nas boticas, pretenden facer actuacións de carácter asistencial cos pacientes crónicos tanto na botica como no seu domicilio. Dende a AGEFEC respectamos o importante rol dos farmacéuticos no marco da atención sanitaria, pero opoñémonos a que asuman funcións asistenciais que poidan desvirtuar a asistencia sanitaria da poboación galega dentro do Servizo Público de Saúde.
Retomando á temática que se abordará nestas VI Xornadas. Temos que se seguir impulsando dende a nosa profesión, a ATENCIÓN DOMICILIARIA e a ATENCIÓN COMUNITARIA. Estas son dúas áreas asistencias da Atención Primaria nas que temos un potencial de desenvolvemento profesional moi amplo, o cal estamos na obriga de aproveitar. Se nós non o facemos xa, outros o farán por nós……. e o papel destacado da Enfermaría de Familia e Comunitaria nestas áreas quedará relegado a un lugar que non nos corresponde.
Conclusións Comité Organizador
Xa clausuradas as VI Xornadas Científicas da AGEFEC, dende o comité organizador agradecemos a oportunidade brindada pola AGEFEC para traer este evento á cidade de Ferrol durante os días 13 e 14 de Abril.
Baixo o lema “abordando novos retos” quixemos conformar un programa que incluíse aqueles aspectos do noso traballo que van máis alá da consulta de enfermaría situándonos noutros ámbitos do coidado como son o domicilio e a comunidade.
Comezamos así o Venres cunha xornada de actualización de coñecementos a través dos obradoiros formativos adicados a distintas temáticas: Coidados paliativos, educación grupal, mapeo comunitario e atención ás arritmias periparada. Tódolos obradoiros contaron cunha alta participación e boa valoración por parte dos participantes.
Xa o sábado, trala inauguración oficial, tiveron lugar as distintas mesas redondas, así como a emisión en directo do programa de radio “radiofilispín vai”, que nos acompañou como actividade paralela ás Xornadas dando conta do que acontecía coas súas entrevistas aos participantes:
Comezamos reflexionando sobre a necesidade de coordinar os recursos para mellorar a atención ao final da vida, centrando os coidados tanto no doente como na familia, respectando sempre a súa autonomía; e da importancia da atención tanto dos síntomas físicos como das emocións, moitas veces obviadas nos coidados, dando especial relevancia á comunicación e a necesidade de formación neste sentido.
Despois de compartir experiencias, reencontros e café no descanso retomamos a xornada coa exposición oral dos traballos científicos, que xa comezaron o venres na mesa E.I.R, e continuaron pola tarde coa defensa dos póster. Presentáronse un total de 20 traballos, froito da investigación dos profesionais en distintos ámbitos relacionados coa atención primaria.
Xa na xornada de tarde na mesa de “Atención á fraxilidade” afondamos na necesidade da prevención da fraxilidade dende a atención primaria e da importancia da coordinación cos recursos sociais e o fortalecemento das redes de apoio social na súa atención. Presentouse nesta mesa o proxecto que se está a levar a cabo dende a AGEFEC de cara a elaborar una guía de boa práctica na atención domiciliaria. Un ambicioso traballo que pronto verá a luz.
Chegado o remate o protagonismo foi para a atención comunitaria, parte esencial do noso traballo que moitas veces pasa desapercibida. Así na mesa “traballando coa comunidade” coñecemos os distintos programas e ámbitos de traballo da enfermaría na Saúde Pública e as distintas iniciativas que se están a levar a cabo polos profesionais da atención primaria no ámbito comunitario. Destacouse a importancia da implicación, non só dos profesionais da saúde, senón tamén da propia comunidade e da intersectorialidade das intervencións.
Na conferencia de Clausura tanto María Rey como Susana Aldecoa afondaron na necesidade de traballar coa comunidade, de dar a coñecer ese traballo e compartilo.
Rematados estes intensos días de traballo, nervios e ilusión, por parte do Comité Organizador so nos queda dar as grazas a todos aqueles que dalgún xeito fixeron estes posible coa súa colaboración e por suposto a tódolos asistentes. Vémonos nas VII Xornadas Científicas da AGEFEC en Pontevedra.
A ATENCIÓN DOMICILIARIA debe ser unha actividade fundamental na asistencia diaria dos enfermeiros e enfermeiras de atención primaria, como garante da equidade e accesibilidade a uns coidados de calidade dirixidos ao individuo, coidador e familia, coas mesmas garantías tanto no ámbito rural como no urbano. Pero dende a AGEFEC lamentámonos como nos sucesivos acordos de xestión (ADX) non se incentiva este campo de xeito suficiente, nin tampouco se avalía en demasía esta actividade, e sumado a que IANUS non facilita o rexistro da mesma, fai que se estea a perder a acción preventiva e de seguimento proactivo da visita domiciliaria en detrimento das visitas curativas ou agudas (por exemplo curas por UPP).
En canto a ATENCIÓN COMUNITARIA, dende a AGEFEC preocúpanos como esta actividade asistencial non está sendo avaliada polos xestores sanitarios. Aínda que pola contra, agradecemos á Consellería de Sanidade que a primeira liña de actuación das ESTRATEXIAS SERGAS 2020 sexa a do “desenvolvemento de estratexias de promoción da saúde e prevención da enfermidade cunha visión integral do paciente”, na que se deberá de por en valor a nosa atención primaria facendo diagnósticos comunitarios da poboación e programas de intervención avaliables mediante resultados de saúde. En relación a isto, soamente podo dicir en presentación da AGEFEC que, “esperamos e desexamos que non se quede soamente nun papel como outras moitas estratexias asistencias que foron publicadas”.
Lembraba nas anteriores Xornadas da AGEFEC celebradas no ano 2016 na cidade de Vigo, que un dos retos que se marcou a Administración Sanitaria Galega para o período 2016-2020, é o de “coidar aos bos profesionais para que sexan partícipes da súa organización”. Polo que aproveitando este postulado, dende a AGEFEC solicitamos á Consellería de Sanidade que se lle dea más peso nas decisións organizativas aos Coordinadores e Coordinadoras dos Servizos de Atención Primaria de Galicia. Posto que son eles os que mellor coñecen a organización interna dos seus Servizos, o que lles levará a tomar ás decisións máis acordes co día a día do noso traballo, o que de seguro redundará nunha mellor asistencia sanitaria.
Por último, e chegado a este punto quero resaltar que Galicia converteuse no primeiro Servizo de Saúde do Sistema Nacional, en convocar unha Oferta Pública de Emprego para a nosa especialidade de Enfermaría Familiar e Comunitaria na que se incluíron un total de 10 prazas. Aínda que as necesidades asistencias fan que sexa necesario ampliar inescusablemente e a curto prazo este número de prazas en vindeiras convocatorias. Por outra banda, dende a AGEFEC destacamos e agradecemos o transcendental e histórico anuncio feito polo Conselleiro de Sanidade esta semana no Parlamento Galego, no que informou que na vindeira semana se publicarán os listados definitivos de contratación para a nosa especialidade. O que significará a entrada no Sistema Público de Saúde de Galicia, dos Enfermeiros e Enfermeiras especialistas en Familia e Comunitaria. Isto representará un impulso de gran magnitude para toda a Atención Primaria galega, ao igual co representou no seu momento a chegada dos Médicos especialistas en Medicina Familiar e Comunitaria.
Remato AGRADECENDO a colaboración recibida pola Xerencia de Xestión Integrada de Ferrol, polo Concello de Ferrol, polo Colexio de Enfermaría da Coruña e polos laboratorios que se recollen nos vosos programas de man, para que estas VI Xornadas Científicas da AGEFEC se puidesen organizar coa máxima das garantías e calidade posible.
Moitas gracias a todos e a todas. E sen máis, desexo que pasemos xuntos unhas magníficas xornadas e unha estupenda estadía na cidade de Ferrol.
Conclusións Comité Científico
Estimados participantes nesta 6º Xornada da Asociación de Enfermaría Familiar e Comunitaria:
Representa unha verdadeira honra para min falar en nome dos compañeiros que formamos parte do comité científico.
Durante o transcurso destes 2 días, puidemos disfrutar dos últimos estudos realizados polos profesionais e residentes que traballan en atención primaria e comunitaria en Galicia.
Ademais de realizar actividades, en diferentes niveis asistenciais, os enfermeiros e enfermeiras adicaron parte do seu tempo a investigar un problema de saúde detectado na comunidade. Esta dedicación, pode axudalos a conseguir uns mellores coidados, xa que está amplamente demostrado que quen investiga, reflexiona e implementa na práctica a evidencia atopada, traballa con máis calidade.
Debemos cuestionar a realidade asistencial e comunitaria a través de estudos que mostren a realidade do noso entorno e que axuden e aporten novos coñecementos.
Como profesionais, como científicos, debemos buscar os mellores coidados, facernos preguntas na práctica diaria, e tentar responder sobre os problemas que se afrontan. Iso sí, sempre usando un razoamento crítico, o que dará máis credibilidade ao coidado de enfermería e a tomar decisións máis eficaces e relevantes.
Enfermaría faise máis responsable e autónoma, en tanto mellora os coñecementos relacionados co seu traballo. Enfermaría debe facerse visible! E só se logrará, aos ollos dos propios profesionais de enfermaría, doutros profesionais e de toda a sociedade, se facemos evidentes os coidados que realizamos. Definitivamente, unha profesión que non investiga, é unha profesión que non avanza.
É necesario que durante o período de EIR ou, como profesionais, teñamos unha actitude crítica en cada situación vivida. Dende as diferentes unidades docentes e centros, débese fomentar, a lectura crítica e a práctica baseada na evidencia, para mellorar os resultados da investigación.
Pero para iso, ter unha forte base formativa en investigación é esencial.
!Esixide durante a residencia unha formación reglada en metodoloxía da investigación e en escritura científica, e non son dirixida á realización dunha comunicación nunha reunión científica, un proxecto ou traballo final!
Poder xerar novo coñecemento, supón un valor engadido para a nosa profesión, e unha fortaleza cando éste é compartido.
Quizais non todo o mundo quere ou pode investigar, pero todos debemos consumir literatura científica e facer lectura crítica da mesma, coñecer a situación actual e os mellores coidados, establecendo relacións entre todos. Ler e implementar investigación, axudaranos a medrar como profesión, como ciencia.
Gustaríame informar que o comité científico levou a cabo unha avaliación obxetiva de cada traballo presentado, empregando un cuestionario validado. Ademáis, expuxéronse os conflictos de interese surxidos respeto a varios traballos presentados, e mesmo nós non participamos nos premios das Xornadas.
Queremos resaltar a todos e todas, alumnas, residentes, titores e profesionais, a necesidade de respetar as consideracións éticas, morais e legais vixentes para a realización de investigación biomédica que, por suposto, debe reflexarse finalmente nestas exposicións finais en reunión científicas.
“Todos os estudos que se realicen no eido da investigación biomédica e que impliquen por iso a seres humanos, as súas mostras ou os seus datos de carácter persoal, deben ser sometidos a consideración dun comité de ética da investigación acreditado”.
Tales consideracions sempre se deben ter en conta tanto nada realización de estudios de investigación como na súa difusión.
Queremos agradecer a participación xurdida nestas 6ª xornadas, e invitarvos a todos a participar nas vindeiras xornadas de AGEFEC.
ESPERAMOS QUE NESTES DIAS XURDíRAN NOVAS IDEAS DE ESTUDOS, PARA PRESENTAR NAS SEGUINTES XORNADAS.
Gustaríanos agradecer ó comité organizador da xornada e á presidencia de AGEFEC a súa confianza en nós e a súa dispoñibilidade e colaboración mutua nestes meses.
Finalmente, os premios ós mellores traballos científicos presentados a estas Xornadas son os seguintes:
PREMIO EIR
O comité científico declara desertos os premios EIR, por falta de traballos científicos suficientes para participar nesta categoría.
No apartado de COMUNICACIÓNS en formato PÓSTER:
- Accésit con diploma acreditativo
- Satisfacción como indicador de la calidad del cuidado del paciente de atención primaria.
- Mónica Quintana Vilarelle.
- Satisfacción como indicador de la calidad del cuidado del paciente de atención primaria.
- PREMIO: 100 €
- Estudio de la calidad de vida, funcionalidad y dolor del pie en artritis reumatoide y psoriásica.
- Cristina González Martínez
- Estudio de la calidad de vida, funcionalidad y dolor del pie en artritis reumatoide y psoriásica.
Dentro das COMUNICACIÓNS en formato ORAL:
- Accésit con diploma acreditativo
- Estudio comparativo en pacientes frágiles sobre entrenamiento físico individual y en grupo.
- Melania Fraga Deus.
- Estudio comparativo en pacientes frágiles sobre entrenamiento físico individual y en grupo.
- 2º PREMIO: 150 €
- Actitudes e prácticas de aleitamento nas embarazadas galegas.
- María Jesús Movilla Fernández
- 1º PREMIO: 200 €
- Pacientes portadores de sonda PEG: resolución de la demanda sanitaria en la CCUS-061 de Galicia.
-
-
- Susana Gamallo Carreira
-
Discurso de Clausura do Presidente da AGEFEC
Boas tardes de novo a todos e a todas:
En primeiro lugar quero agradecer en nome da AGEFEC a presencia do Alcalde do Concello de Ferrol e da Decana da Facultade de Enfermaría e Podoloxía de Ferrol.
E a todos os profesionais asistentes espero que houbésedes pasado como eu unhas estupendas Xornadas Científicas, e desexo que o aquí aprendido poidádelo por en práctica no voso día a día profesional. O que de seguro redundará no beneficio de toda a poboación galega.
Por outra banda, quero agradecer de novo a colaboración recibida pola Xerencia de Xestión Integrada de Ferrol, polo Concello de Ferrol, polo Colexio de Enfermaría da Coruña e polos laboratorios que se recollen nos vosos programas de man, para que estas VI Xornadas Científicas da AGEFEC se puidesen realizar.
Tamén quero facer público o meu agradecemento persoal a todos os profesionais que traballan na nosa Secretaría Técnica, Versal, pola excelente organización e traballo previo realizado para que estas VI Xornadas se puidesen desenvolver do mellor xeito posible.
Permitídeme un inciso para aclarar que a pesares de que no voso programa de man figura a entrega dun obsequio simbólico aos socios veteranos da AGEFEC, ésta non se vai realiza xa que dende as Xornadas que celebramos en Vigo no ano 2016, non houbo ningunha proposta de candidato ou candidata.
Remato xa a miña intervención, anunciando que as VII Xornadas Científicas da AGEFEC celebraranse ano 2020 previsiblemente na cidade de Pontevedra, e de seguro xa con outro Presidente ou Presidenta á fronte da AGEFEC.
Moitas gracias e ata a próxima.
Radio FilispiM nas VI Xornadas Científicas da AGEFEC
Preme neste enlace para acceder ao programa especial de Radio FilispiM http://opaii.blogspot.com.es/2018/04/filispim-vai-ao-hospital-naval-de-ferrol.html
Reportaxe gráfica
Preme aquí pra ve-la reportaxe gráfica das VI Xornadas Científicas da AGEFEC
Non están permitidos os comentarios.