Cargando

Os Enfermeiros de Atención Primaria, reclaman a Consellería de Sanidade a creación das Direccións de Enfermaría de Atención Primaria

Os Enfermeiros de Atención Primaria, reclaman a Consellería de Sanidade a creación das Direccións de Enfermaría de Atención Primaria

  • A reivindicación conta co apoio do colectivo enfermeiro de Atención Primaria e dos cargos intermedios de Coordinación de Servizo. AGEFEC faise eco de todas estas reivindicacións.
  • Ante as recentes noticias de que a Consellería de Sanidade pretende crear direccións médicas que xestionen toda Atención Primaria sometendo a estas as estruturas directivas enfermeiras de Atención Primaria, o colectivo enfermeiro de Atención Primaria rexeita a proposta e reivindica unha vez máis a creación de Direccións de Enfermaría de Atención Primaria dependente dos Xerentes das EOXI  e a creación dunha Subdirección Xeral de Integración de Coidados dependente da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria.

Direccións de Enfermaría de Atención Primaria nas Xerencias de Área Sanitaria.

A creación das Xerencias de Xestión Integrada que unían os órganos directivos e de xestión de Atención Primaria e Hospitalaria, deu lugar a desaparición das Xerencias de Atención Primaria e das Direccións e Subdireccións de Enfermaría de Atención Primaria, quedando deste xeito unha única subdirectora de enfermaría de Atención Primaria para asumir a dirección, xestión, control e coordinación de tódalas enfermeiras de Atención Primaria das Xerencias de Xestión Integrada, baixo o organigrama dunha única Dirección de Enfermaría que asume o control de tódalas enfermeiras e enfermeiros da área sanitaria, tanto de Primaria como de Hospitalaria.

Esta retroceso deu lugar a un claro deterioro na dirección e xestión da Enfermaría de Atención Primaria (AP), que foi amortecido polo bo facer da maior parte das responsables destas subdireccións, pero que limitaron durante estes anos un avance superior nos coidados que recibe a poboación por parte das enfermeiras e enfermeiros de AP, xa que invisten a maior parte do tempo a resolver incidencias, ou como se di no sector “apagar incendios”.

Contar con Direccións de Enfermaría de Atención Primaria, xunto a unha subdirección adxunta, permite mellorar o liderado, a dirección, a xestión, o control e a coordinación dun colectivo profesional que debe asumir un papel fundamental na abordaxe aos pacientes crónicos, pluripatolóxicos e dependentes.

A Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria (AGEFEC) así o manifestou en maio de 2018 nas alegacións presentadas ao Borrador de Decreto polo que se regulan as Áreas Sanitarias e os Distritos Sanitarios do Sistema Público de Saúde de Galicia.

Creación da Subdirección Xeral de Integración de Coidados

Consideramos que ante a actual situación demográfica e epidemiolóxica caracterizada polo avellentamento da poboación galega e o aumento do número de pacientes con maiores necesidades de coidados, derivados de maiores índices de dependencia, comorbilidade e pluripatoloxía fai máis necesario ca nunca fortalecer os coidados enfermeiros a través dun maior liderado dende os Servizos Centrais do SERGAS en materia de xestión, coordinación e innovación en coidados.

É fundamental no momento actual, no que se aposta por un novo modelo de Atención Primaria con maiores cotas de comunicación e coordinación interniveis, crear unha Subdirección Xeral de Integración de Coidados dependente da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria, para seguir avanzando na implantación de coidados de calidade en tódolos recursos asistenciais (Primaria, Hospitalaria, 061…).

Se realmente queremos mellorar o actual sistema en xeral e a actual Atención Primaria en particular, resulta fundamental promover o traballo en equipo entre enfermaría e medicina de Atención Primaria, o que implica necesariamente unha estrutura directiva en pé de igualdade que promova o traballo en equipo, e non retornar a modelos caducos da época dos anos 70, inconcibibles en pleno século XXI. Por estas razóns o colectivo enfermeiro de Atención Primaria solicita as seguintes cuestións:

  • Creación das Direccións de Enfermaría de Atención Primaria en plena igualdade que as Direccións Médicas de Primaria e Hospitalaria así como a de Enfermaría de Hospitalaria, baixo dependencia directa dos Xerentes de Área.
  • Creación da Subdirección Xeral de Integración de Coidados, baixo dependencia da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria.

agefec

agefec

Non están permitidos os comentarios.

Agefec é necesaria.
Somos necesarios