Cargando

Os Enfermeiros de Atención Primaria rexeitan a nova estrutura directiva proposta pola Consellería na que quedan sen autonomía de xestión

Os Enfermeiros de Atención Primaria rexeitan a nova estrutura directiva proposta pola Consellería na que quedan sen autonomía de xestión

En relación ao anuncio feito o pasado xoves polo Conselleiro de Sanidade aos Xefes de Servizo dimitidos da Área Sanitaria de Vigo, de que se crearía a figura do Director de Atención Primaria (médico) o cal tería competencias para a xestións económica, asistencial e de recursos humanos de toda a Atención Primaria. O colectivo de Enfermeiros e Enfermeiras de Atención Primaria, a través da AGEFEC, mostra o seu máis absoluto rexeitamento a esta nova estrutura directiva das Áreas Sanitarias na que a Enfermaría quedaría sen capacidade e autonomía de xestión.

Consideramos que esta proposta é un claro retroceso para a Atención Primaria, dado que está claramente demostrado que a excesiva medicalización da asistencia sanitaria ten sido un fracaso.  Non entender a Atención Primaria dende un xeito multidisciplinar e de traballo en equipo, onde o éxito na atención aos pacientes pasa por concibilo como algo colaborativo e non de dependencia, nos vai levar a futuros desencontros e conflitos.

Se realmente queremos mellorar o actual modelo de Atención Primaria, resulta fundamental promover o traballo en conxunto entre os Enfermeiros e os Médicos de Atención Primaria, Farmacéuticos, Traballo Social e de Xestión, o que implica necesariamente unha estrutura directiva na que Enfermería polo súa importancia tanto numérica como na atención e asistencia sanitaria, poda ter as ferramentas de xestión que en colaboración cos outros estamentos lle permitan poder ter capacidade de decisión e de control do que é o seu traballo e das súas competencias. Non retornando así a modelos caducos de compracencia da época dos anos 70, inconcibibles en pleno século XXI.

Esta nova estrutura directiva que se pretende instaurar no SERGAS, contraponse ao novo modelos de Atención Primaria que se está a deseñar dende a Consellería de Sanidade, onde a Enfermaría de Atención Primaria conta cun grupo de traballo específico que acaba de cerrar as súas liñas estratéxicas para os próximos 25 anos, nas cales se destacan o asumir en tódolos sentidos a atención dos pacientes con algunha patoloxía crónica dende as Consultas dos Centros de Saúde (solicitude de probas complementarias, a derivación directa a determinadas especialidades médicas hospitalarias (cirurxía vascular, nutrición, dermatoloxía…), a programación de visitas de  forma proactiva, indicación de material ortoprotésico, etc.), asumir a xestión integral dos pacientes anticoagulados, despregar a e-interconsulta específica para enfermería en todas as áreas sanitarias, liderar a atención comunitaria, etc. Todo isto co obxectivo de que a longo prazo, a Enfermeira de Atención Primaria, sexa a porta de entrada ao sistema, é dicir, que sexa o principal referente para a poboación para resolver ou consultar a maior parte dos seus problemas de saúde, especialmente aqueles que non requiran unha resposta medicalizada. Esta proposta non debe ser confundida con ningún sistema de filtro ou triaxe, que non aporta valor a asistencia dos Enfermeiros e Enfermeiras de Atención Primaria.

Esta proposta da Consellería considerámola como un “torpedo” á liña de flotación duns acordos no que tódolos colectivos que traballamos na Atención Primaria puxemos e estamos pondo moitas ganas e esforzos para sacar a este nivel de saúde da delicada situación na que está sometido, e no que a búsquea dunha saída na que se pretenda “contentar” sómente a unha das partes, pechará o problema en falso e xerará outros conflictos. Correndo así o risco de seguir fallando na calidade e nos coidados asistenciais que os pacientes merecen, e facéndolle entender á poboación que existen profesionais de primeira e de segunda categoría.

Por todo isto, todo o colectivo enfermeiro de Atención Primaria no que se inclúen tamén os cargos intermedios de Coordinación de Servizo, reivindican a través da AGEFEC que non é coherente de que se a Consellería de Sanidade quere reformular o modelo da Atención Primaria apoiándose fundamentalmente na labor da Enfermaría, esta non teña unha estrutura directiva propia de igual importancia que a futura Dirección Médica de Atención Primaria. Para poder desenvolver con garantías o novo modelo de Atención Primaria dos próximos 25 anos, os Enfermeiros non podemos estar supeditados a un mando médico, que certamente descoñece moitas das funcións da Enfermaría Familiar e Comunitaria. 

Se a Consellería está a fomentar o traballo en equipo do Médico e da Enfermeria de Atención Primaria, isto necesariamente tense que ver reflexado na nova estrutura directiva, tendo a Enfermería e a Medicina a súa propia organización directiva ao mesmo nivel, coa correspondente coordinación do Xerente e do Director Asistencial da Área Sanitaria.

A AGEFEC exporá esta cuestión na seguinte reunión do grupo de Traballo de Enfermería da Consellería de Sanidade, sendo unha liña básica que o SERGAS ten que cumprir se quere contar coa Enfermaría Familiar e Comunitaria para a definición do novo modelo de Atención Primaria para os próximos 25 anos.

agefec

agefec

1 Comment

Non están permitidos os comentarios.

Agefec é necesaria.
Somos necesarios