Cargando

AGEFEC subscribe con catro condicións o Novo Modelo de Atención Primaria

AGEFEC subscribe con catro condicións o Novo Modelo de Atención Primaria

A Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria (AGEFEC), despois de seren recollidas moitas das propostas formuladas polos Colexios Oficiais de Enfermaría e as Sociedades Científicas Enfermeiras, da o respaldo ao borrador do Novo Modelo de Atención Primaria, sempre e cando se cumpran catro premisas fundamentais sen as cales este documento non se pode desenvolver. As condicións necesarias marcadas pola Sociedade Científica dos enfermeiros de Atención Primaria establecen:

  1. Autonomía das direccións de enfermería de Atención Primaria para a coordinación, supervisión e avaliación dos recursos enfermeiros, así como participación directa en tódolos programas que afecten a este colectivo profesional, como garante da prestación de coidados de calidade á cidadanía galega e
  2. Mellora dos ratios de enfermeiros en Atención Primaria, mediante a creación de novas prazas de Enfermeiro/a especialista en Familiar e Comunitaria.
  3. Publicación da carteira de Servizos dos enfermeiros de Atención Primaria, como garante de equidade e cohesión das prestacións sanitarias que realizan estes profesionais en tódolos centros de saúde de Galicia, e tamén como respaldo legal para o desenvolvemento e posta en marcha de moitas competencias propias da profesión ata hoxe non desenvoltas.
  4. Desenvolver un sistema de Xestión Enfermeira da Demanda, con protocolos definidos mediante os cales a maior parte das demandas de saúde poidan ser resoltas de xeito finalista pola enfermeira, aportando valor a asistencia sanitaria e así evitar “peregrinaxe de consulta en consulta sen aportar valor a asistencia”. Esta medida está destinada para afrontar os problemas agudos e autolimitados dos pacientes, que nos últimos anos están xerando unha sobredemanda nos centros de saúde. Así mesmo, este sistema debe ser levado a cabo naqueles centros nos que os ratios enfermeiros sexan os axeitados. Resulta inherente a este sistema a posta en marcha da prescrición enfermeira para poder prescribir medicación se fose necesaria e resolver os enfermeiros de Atención Primaria como finalistas na asistencia os problemas de saúde que demanden os cidadáns.

O cumprimento destas catro condicións garanten que as accións do Novo Modelo de Atención Primaria proposto pola Consellería de Sanidade, se poidan levar a cabo no que afecta á contribución do colectivo enfermeiro á asistencia sanitaria que reciben os pacientes e usuarios.

NECESIDADE DE MÁIS ENFERMEIROS ESPECIALISTAS EN FAMILIAR E COMUNITARIA

Por outra banda, AGEFEC destaca que é necesario realizar unha aposta forte e decidida pola inserción e fidelización dos enfermeiros especialistas en Familiar e Comunitaria para a consecución dos obxectivos deste novo modelo de Atención Primaria. Isto inclúe medidas como a creación de novas prazas e outras que garantan que na selección temporal para realizar coberturas de substitución e reforzo, estes non sexan obrigados polo sistema a desempeñar a súa labor no ámbito hospitalario.

A Sociedade Científica dos Enfermeiros de  Atención Primaria destaca que “en maio de 2019 Galicia disporá dunha bolsa de 120 especialistas en Enfermería Familiar e Comunitaria, dos cales só 19 están actualmente incorporados no sistema. É fundamental fidelizar a estes profesionais xa que correse o risco de que se vaian a aquelas comunidades autónomas que están a levar a cabo unha inserción máis rápida”.

Santiago de Compostela a 13 de marzo do 2019.

Agefec

Agefec

Non están permitidos os comentarios.

Agefec é necesaria.
Somos necesarios