Cargando

AGEFEC pon en valor o esforzo extraordinario das enfermeiras comunitarias da Atención Primaria na crise da COVID-19

AGEFEC pon en valor o esforzo extraordinario das enfermeiras comunitarias da Atención Primaria na crise da COVID-19

  • A Sociedade Científica das Enfermeiras Comunitarias galegas pon en valor o traballo de tódolos profesionais do primeiro nivel de saúde.
  • As Enfermeiras Comunitarias galegas piden unha abordaxe máis ambiciosa sobre a detección, estudo e abordaxe do SARS-COV-2.
  • Reclaman dispoñer de Enfermeiros especialistas en Familiar e Comunitaria en tódolos Centros de Saúde de Galicia.

Queremos facer un recoñecemento público da extraordinaria labor que están a realizar tódolos profesionais de Atención Primaria, de tódalas categorías sen distinción, durante esta crise sanitaria. Primeiro abordando os pacientes afectados pola enfermidade Covid-19 e os problemas e necesidades de saúde asociados (moitos deles da esfera psicolóxico) así como o resto de problemas e necesidades que a poboación segue tendo (patoloxías crónicas, autocoidados, xestión da propia saúde, etc.). Tamén pola súa gran labor na reorganización da asistencia e do funcionamento dos Centros de Saúde galegos.

Destacamos o traballo extraordinario que están a realizar os Coordinadores de Servizo, no seu papel fundamental sobre a xestión loxística e organizativa dos centros, así como a dos Xefes de Servizo na parte médica. Así mesmo a dos profesionais referentes tanto enfermeiros como médicos nas diferentes áreas clave da continxencia (Telea e Covid).

Estudo epidemiolóxico de seroprevalencia de SARS-COV-2 de Galicia.

A Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria (AGEFEC) recoñece a importancia deste tipo de estudos para a obtención de información e poder sacar conclusións para determinar as medidas a tomar. AGEFEC defende que a execución deste estudo debe ser levada a cabo polos Centros de Saúde galegos, tal e como recoñece a propia Carteira de Servizos de Atención Primaria[1] (Actividades de información e vixilancia de protección da saúde). Así mesmo consideramos positivo para poder levalo a cabo, que o liderado e execución recaia sobre as enfermeiras comunitarias da Atención Primaria de Saúde, tal e como acontece con outros programas de Saúde Pública como o Programa Galego de Vacinacións.

            En relación a organización deste estudo epidemiolóxico poboacional, lamentamos a precipitación coa que se lle foi encargado as enfermeiras comunitarias de Atención Primaria, xa que os tempos non permitiron a preparación suficiente, realidade que tivo que ser superada co sobre esforzo engadido a esta situación de crise con horas extraordinarias e non recoñecidas para podelo levar a cabo nas mellores condicións organizativas e de seguridade para os pacientes seleccionados.

Consideramos que é vital manter a total cobertura de ausencias dos cadros de persoal na Atención Primaria, en especial do xa tradicional deficitario de enfermeiras, principalmente con vistas a abordar a realización do estudo epidemiolóxico destes días e tamén coa fin de garantir e simultanear a atención ordinaria.

Igualmente é imprescindible garantir a dotación de Equipos de Protección Individual (EPI) a tódolos traballadores e a formación no seu uso adecuado, xa que somos profesionais, pero non temos vocación de heroes nin mártires. Temos un traballo difícil para desenvolver nunha situación moi complexa. Queremos facelo garantindo a nosa seguridade, a dos nosos pacientes e a dos nosos familiares. Así mesmo, consideramos que se debe facer partícipe ás enfermeiras comunitarias da Atención Primaria na elaboración dos protocolos de uso de EPI.

Para un bo control desta epidemia, a maiores do estudo poboacional que se vai a realizar, é necesario habilitar o acceso aos profesionais de Atención Primaria para a petición das probas diagnósticas precisas, así como o estudo de casos e contactos, fundamental para coñecer o estado actual da situación e planificar axeitadamente a fase de desescalada.


Necesidade de dispoñer de especialistas en enfermaría familiar e comunitaria en tódolos centros de saúde galegos.

O Servizo Galego de Saúde debe garantir a presenza de Enfermeiros especialistas e residentes de último ano encomendados en Familiar e Comunitaria en tódolos cadros de persoal da Atención Primaria, xa que a súa formación e competencias en materia de Saúde Pública, estase revelando como útil e vantaxosa naqueles centros e servizos dos que os dispoñen.

Santiago de Compostela a 23 de abril do 2020.

[1] Real Decreto 1030/2006, do 15 de setembro, polo que se establece a carteira de servizos comúns do Sistema Nacional de Saúde e o procedemento para a súa actualización.

agefec

agefec

Non están permitidos os comentarios.

Agefec é necesaria.
Somos necesarios