Cargando

AGEFEC reclama unha dotación extraordinaria de enfermeiras do 120% na Atención Primaria para afrontar o outono e o inverno coa Covid-19

AGEFEC reclama unha dotación extraordinaria de enfermeiras do 120% na Atención Primaria para afrontar o outono e o inverno coa Covid-19

  • A sociedade científica que agrupa as enfermeiras de Atención Primaria galegas, ven de solicitar por carta unha cobertura extraordinaria do 120% no principal dique de contención e abordaxe da pandemia.
  • Solicitan tamén a dotación inmediata de especialistas en Enfermaría Familiar e Comunitaria en tódolos Centros de Saúde galegos.
  • Piden ao Conselleiro que poña en marcha de forma urxente a Prescrición Enfermeira para dar resposta ás necesidades dos pacientes e evitar duplicidades administrativas.

A Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria (AGEFEC) ven de solicitar unha dotación extraordinaria de enfermeiras para reforzar a Atención Primaria á Consellería de Sanidade. As razóns esgrimidas son a inminente campaña de vacinación antigripal na que este ano existe a superar significativamente a taxa de vacinados, o incremento de vacinación no domicilio dos doentes e captar a vez o núcleo familiar, como tamén evitar aglomeracións nos Centros de Saúde.
Por outra banda o incremento e agravamento da situación epidemiolóxica da Covid-19 que xa é perceptible na carga de traballo dos profesionais de Atención Primaria, xunto ao previsible incremento no outono e inverno, require tamén manter esa dotación extraordinaria de enfermeiras na Atención Primaria. Dende AGEFEC considérase que non se pode asumir de novo interromper o seguimento dos pacientes con doenzas crónicas, xa que é máis necesario que nunca apostar polo fortalecemento dos coidados e autocoidados da poboación.
Na misiva enviada ao Conselleiro, a sociedade científica enfermeira de Atención Primaria reclama maior coordinación cos servizos de Saúde Pública, avogan por unha integración funcional de xeito similar ao que acontece coa Atención Hospitalaria, para proveer unha resposta eficiente do sistema sanitario fronte á pandemia mundial.
AGEFEC tamén considera imprescindible no que atinxe a materia de recursos humanos a urxente estabilización nos cadros de persoal dos Centros de Saúde de Enfermeiros especialistas en Familia e Comunitaria, xa que a día de hoxe existe un número significativo destes profesionais altamente cualificados que son destinados polo sistema a funcións hospitalarias, desprezando a súa formación e o investimento feito neles polo sistema sanitario público a hora de situalos e sacarlles partido no ámbito da súa especialidade, que é a Atención Primaria.
A sociedade científica reclamou a necesaria habilitación da prescrición enfermeira para dispoñer dunha ferramenta máis na Atención Primaria para poder afrontar os duros meses que se aproximan.
Por último, dende a Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria, queremos facer un chamamento á responsabilidade social da poboación. Aproxímanse meses duros e é máis necesario ca nunca que os cidadáns sigan as recomendacións feitas polas autoridades sanitarias en materia de uso axeitado da máscara, distancia social, reducir aforo de reunións e encontros, evitar fumar en espazos públicos e hixiene de mans. Só coa implicación de todos é posible superar esta crise sanitaria.

Santiago de Compostela a 24 de agosto do 2020

agefec

agefec

Non están permitidos os comentarios.

Agefec é necesaria.
Somos necesarios