Cargando

COMUNICADO DA AGEFEC EN RELACIÓN A REALIZACIÓN DE TEST RÁPIDOS DE COVID NAS OFICINAS DE FARMACIA DE OURENSE

COMUNICADO DA AGEFEC EN RELACIÓN A REALIZACIÓN DE TEST RÁPIDOS DE COVID NAS OFICINAS DE FARMACIA DE OURENSE

  • A sociedade científica das enfermeiras de Atención Primaria considera que a medida non vai reforzar a loita contra a pandemia e mingua os recursos destinados a Atención Primaria.
  • O colectivo enfermeiro insiste noutras medidas como mellora das mensaxes que se envían a poboación, o reforzo e mellora dos servizos de rastrexo e seguimento de contactos e maior financiación da sanidade pública e a Atención Primaria.
  • Reclaman máis persoal para a Atención Primaria de Saúde e un aproveitamento axeitado das enfermeiras de familia e comunitaria que destinan fóra do ámbito da súa especialidade, desperdiciando a formación financiada polo sistema público.

En primeiro lugar, dende a sociedade científica que aglutina as enfermeiras de Atención Primaria de Galicia queremos manifestar que nunha situación como a actual na que debe e ten que prevalecer o interese xeral da sociedade e a saúde das persoas, as profesións sanitarias debemos facer prevalecer a coordinación entre profesionais da saúde para acadar os mellores resultados posibles para os pacientes.

Para abordar a necesidade desta medida promovida tanto pola Consellería de Sanidade como polo colectivo das oficinas de farmacia, debemos valorar catro cuestións:

  1. A accesibilidade das probas ao paciente.
  2. A seguridade do persoal de farmacia que realizan as probas nestes establecementos privados.
  3. A posible apertura de novas competencias a estas entidades privadas en detrimento da Atención Primaria (que é do sistema público).
  4. A eficacia desta medida.

Entendemos que a accesibilidade a Atención Primaria de Saúde en Galicia, dispón de centros de saúde abertos de mañá e tarde, con PACs que garanten a asistencia as 24 horas polo tanto a accesibilidade é moi ampla. Cabe destacar que este tipo de test, están sendo realizados polo colectivo enfermeiro de Atención Primaria, onde non se teñen identificado trabas na accesibilidade.

Resulta de especial interese, que a Consellería de Sanidade a día de hoxe aínda non fixese públicos os datos do segundo estudo de seroprevalencia, realizado no verán, ao cal o colectivo enfermeiro de Atención Primaria respondeu con moitas ganas e esforzo. Así mesmo, tamén entra nesta falta de transparencia a publicación do número de casos desagregados exacto (por concello, profesionais sanitarios afectados, etc), así como os históricos dende a detección dos primeiros casos en Galicia.

Tamén entendemos, que neste acordo entre a Consellería e o colectivo das oficinas de farmacia privadas, a sanidade pública deberá subministrarlle o material de protección a esas oficinas privadas, é dicir, que tanto os test como os equipos de protección individual serán financiados cos impostos de todos e estes recursos destinados as farmacias privadas, non irán parar ao sistema público.

A realización destes test non pode ser limitado a simple petición da cidadanía, como calquera outra proba diagnóstica debe ser contextualizado no problema en concreto, cunha axeitada anamnese e orientación diagnóstica, cun enfoque biopsicosocial adaptado ao contexto familiar e comunitario. Ademais, segundo as últimas recomendacións, os screening masivos están aconsellados só en situacións moi concretas, moi dirixidos e con poboacións moi delimitadas, requirimentos que non se compren neste caso.

Consideramos que esta medida no contexto actual xerará duplicidade de probas, pois moitas quedarán sen o axeitado rexistro, incrementaranse as dúbidas que repercutirán sobre os profesionais da Atención Primaria, e con total probabilidade en base aos estudos de seroprevalencia que realizamos, xerarase unha sensación de falsa seguridade na poboación no momento menos oportuno, coa fin de compracer unha necesidade de diagnóstico que non vai aportar maiores certezas, e que o único que vai a contribuír é a dispersar os esforzos económicos que deberían ser investidos na Atención Primaria.

As actuais medidas están dispersando tanto os recursos necesarios, que dende a perspectiva epidemiolóxica e de saúde pública vanse perder datos e recursos. Non é o momento de reforzar entidades sanitarias privadas, é a hora de apostar pola sanidade pública e a Atención Primaria.

Dende a Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria, consideramos:

  1. Que a actual medida desperdicia recursos públicos que deberan ser usados para reforzar o primeiro nivel de saúde.
  2. Que é fundamental mellorar as mensaxes a poboación, como tamén evitar a criminalización dos diferentes colectivos (actualmente o da mocidade).
  3. Reforzar o número de axentes de saúde para o rastrexo de contactos así como a formación destes axentes, para acadar corentenas rápidas e un bo seguimento dos contactos, como tamén os servizos de preventiva e microbioloxía.
  4. Facilitar os datos epidemiolóxicos da comunidade a tódolos profesionais sanitarios de Atención Primaria.
  5. Investir en recursos humanos na Atención Primaria de Saúde, sacando proveito dos profesionais formados (o SERGAS inviste uns 60.000€ en formar a cada enfermeira especialista en familia e comunitaria que despois ou non contrata ou o fai en ámbitos de fóra da súa especialidade).

Santiago de Compostela a 16 de outubro do 2020

yolanda

yolanda

Non están permitidos os comentarios.

Agefec é necesaria.
Somos necesarios