Cargando

COMUNICADO DA AGEFEC EN RELACIÓN AO DESABASTECEMENTO DE VACINAS ANTIGRIPAIS NOS CENTROS DE SAÚDE GALEGOS

COMUNICADO DA AGEFEC EN RELACIÓN AO DESABASTECEMENTO DE VACINAS ANTIGRIPAIS NOS CENTROS DE SAÚDE GALEGOS

A sociedade científica que agrupa as enfermeiras de atención primaria pide melloras a Sanidade para a xestión da campaña de vacinación antigripal.

Tal e como viñamos alertando dende o colectivo enfermeiro de atención primaria, a campaña deste 2020 ía requirir máis persoal e medios, especialmente no que atinxe a loxística e a distribución. Así foi requirido por esta Sociedade Científica antes do inicio da campaña tanto o incremento de enfermeiras como a mellora da loxística e distribución diaria de vacinas.

A partires da segunda semana da campaña (do 19 de outubro en diante) comezaron as incidencias na subministración de vacinas aos centros de saúde. Estes desabastecementos viñeron condicionados por varios factores:

  1. Incremento da demanda da vacina polos colectivos de risco en relación coa situación pandémica e tamén da forte campaña de concienciación social da vacinación fronte a gripe.
  2. Falta de claridade por parte das autoridades públicas a hora de explicar quen constitúen os grupos de risco.
  3. Mensaxes contraditorias a través dos medios de comunicación sobre quen se debe vacinar.
  4. Planificación inadecuada, xa que se seguiu o mesmo sistema de provisión de vacinas en base aos datos de vacinación do ano anterior, sen ter en conta a forte campaña informativa realizada nin a opinión das enfermeiras de atención primaria, que xa viñamos detectando en agosto interese e demanda por parte da poboación.
  5. Incorrecta planificación da loxística no que atinxe aos días de subministración aos centros de saúde (3 días por semana ao comezo da campaña e 2 días dende esta semana) ligado a capacidade limitada de almacenamento en óptimas condicións nos centros de saúde.
  6. Poboación pertencente a grupos de risco, convivintes dos mesmos e profesionais de risco, que noutros anos rexeitaban vacinarse e este ano demandan a vacina antigripal.

Esta situación xerou listas de espera de 2 e 3 semanas para poder vacinarse ou máis, feito que non representa maior transcendencia dende o punto de vista epidemiolóxico da gripe, pero si xera unha destacada preocupación e ansiedade na poboación.

Para o colectivo enfermeiro de atención primaria, sobre os que recae a campaña de vacinación, supón un importante trastorno no que é o curso normal da campaña vivir situacións de desabastecemento, xa que esta situación da lugar a unha sobrecarga de traballo innecesaria, a xa situación límite que estamos a vivir, pois implica que na medida das posibilidades temos que avisar a poboación para que non acuda e darlle unha nova cita (realidade que tamén repercute sobre o persoal de servizos xerais de admisión).

A maiores dos continuos cambios na organización da campaña que orixina o desabastecemento de vacinas, da lugar a que somos nós, as enfermeiras de Atención Primaria, as que temos que dar a cara ante a poboación – por un problema alleo a nós. Esta exposición ao público está dando lugar a un considerable incremento de violencia verbal cara as profesionais, situación que dende a Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria rexeitamos enerxicamente.

Por todo elo, dende AGEFEC facemos o seguinte chamamento:

En primeiro lugar á Administración para que melloren as canles de distribución e abastecemento de vacinas aos centros de saúde, que se teñan en conta as aportacións que realiza tódolos anos as enfermeiras para a mellora da campaña e que se habilite aos centros de saúde o acceso aos sistemas de mensaxería para permitir unha mellor comunicación cos usuarios.

Por último á poboación, que a campaña de vacinación antigripal se fai de xeito escalado, que haberá vacinas para tódolos pacientes en grupo de risco, que a situación epidemiolóxica non urxe a vacinación inmediata e que en caso de desabastecemento dos centros, a responsabilidade non é dos profesionais, E NON ESTÁ XUSTIFICADA BAIXO NINGUNHA CIRCUNSTANCIA A VIOLENCIA VERBAL NIN AS FALTAS DE RESPECTO que están a sufrir ultimamente debido a estas circunstancias.

Santiago de Compostela a 2 de novembro do 2020.

yolanda

yolanda

Non están permitidos os comentarios.

Agefec é necesaria.
Somos necesarios