Cargando

AGEFEC solicita á Consellería de Sanidade que as enfermeiras de Atención Primaria participen na toma de decisións relacionadas coa implantación de novos modelos de xestión da demanda

AGEFEC solicita á Consellería de Sanidade que as enfermeiras de Atención Primaria participen na toma de decisións relacionadas coa implantación de novos modelos de xestión da demanda

Nunha misiva enviada á consellería, a Sociedade Científica enfermeira de Atención Primaria, solicitan que as enfermeiras de Atención Primaria participen activamente na toma de decisións relacionadas coa implantación de novos modelos de xestión da demanda na Atención Primaria

As razóns que esgrimen para esta proposta son que dende que comezou a pandemia provocada polo SARS-COV2, a Atención Primaria está en constante cambio para adaptarse as novas necesidades que presenta, para o que as enfermeiras propoñen un enfoque centrado nunha visión salutoxénica e que afonde na mellor calidade asistencial e un bo aproveitamento dos recursos tanto humanos como estruturais.

Unha das necesidades percibida pola Consellería de Sanidade e determinados colectivos profesionais é a organización da demanda non urxente nos centros de saúde. Algunha das propostas a este reto é o que coñecemos hoxe como Xestión Enfermeira da Demanda (XED), definida como a resposta que a enfermeira lle outorga a unha/un cidadán/o, que presenta unha demanda relacionada coa saúde e que precisa atención preferente (non urxente).

Na XED, a enfermeira pode ser axente de saúde e finalista de procesos protocolizados (NON son valorados pola enfermeira todos os pacientes que acudan ó Centro de Saúde, senón unicamente aqueles que presenten un problema de saúde que precise atención preferente e que, estando protocolizado, a enfermeira pode resolver como finalista), característica que o diferencia do triaxe na AP, o cal ten como obxectivo clasificar a todos os pacientes segundo a gravidade, para priorizar a atención que realizarán outros profesionais

Para poder implantar axeitadamente a XED requírese,

  1. A acreditación das enfermeiras na relación ó Real Decreto 1302/2018, de 22 de outubro, polo que se regula a indicación, uso e autorización de dispensación de medicamentos e produtos sanitarios de uso humano por parte das enfermeiras.
  2. Definir os protocolos específicos para cada problema de saúde así como proporcionar a difusión e formación específica sobre os mesmos.
  3. Para poder asumir esta actividade sen deixar de atender outras competencias propias da enfermeira, coma o control de pacientes con patoloxías crónicas é precisa a reestruturación das axendas para dar cabida a este aumento da carga de traballo.
  4. Dotación de recursos específicos, tanto económicos como humanos, con un número axeitado de enfermeiras para poder prestar atención de calidade, un número de TIS de 1500 por enfermeira ( < 25%  maiores de 65 anos) ou 1250 TIS ( ≥25%  maiores de 65 anos).

Dende a Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria (AGEFEC) somos coñecedores da existencia de diferentes proxectos que pretenden dar resposta a esta nova necesidade, pero que non contan cunha estrutura clara, sen unha liña común de traballo, que non son xerados de forma unificada para toda Galicia.

Dende AGEFEC botamos en falta un liderado claro da Consellería neste tema, tal e como se asinou nos acordos de 2019 e que encarrilaron o longo conflito da Atención Primaria,  procedementos unificados en toda Galicia, que garantan a equidade e servizos dos cidadáns independentemente de onde residan, e dar o soporte normativo necesario para implantar todas esta melloras.

Por outra banda, nalgún foro e medio de prensa anunciouse unha nova clasificación para os pacientes que acudan sen cita solicitando asistencia na Atención Primaria, un triaxe, un modelo que as enfermeiras de Atención Primaria NON podemos aceptar, xa que non aporta valor a atención e compromete os coidados que as enfermeiras prestan na actualidade.

A XED debe ser un mecanismo para que as enfermeiras desenvolvan as competencias propias na atención a problemas de saúde agudos pero en ningún caso debe ser vista como mecanismo para descargar a saturación das axendas médicas, polo que é inaceptable que sexan profesionais médicos os que planifiquen o traballo e competencias das Enfermeiras de Atención Primaria, poñendo en risco os coidados aos pacientes con patoloxías crónicas e comprometendo a actividade diaria das enfermeiras.

Santiago de Compostela, 26 de Maio de 2021

vania

vania

Non están permitidos os comentarios.

Agefec é necesaria.
Somos necesarios