Cargando

Entrega da Medalla de Ouro de Galicia ao dispositivo da campaña de vacinación fronte á Covid-19

Entrega da Medalla de Ouro de Galicia ao dispositivo da campaña de vacinación fronte á Covid-19

  • Yolanda Moares Castiñeiras, vicepresidenta da AGEFEC, recolle a Medalla de Ouro de Galicia en representación de tódalas persoas implicadas no dispositivo galego de vacinación.

Coincidindo co Día de Galicia, este 25 de Xullo celebrouse o acto de entrega da Medalla de Ouro de Galicia 2021 que este ano o Goberno galego outorga a todas as personas implicadas no dispositivo de vacinación frote á Covid-19. Nun acto solemne celebrado na Cidade da Cultura e presidido polo Xefe do Estado, o Presidente do Goberno e o Presidente da Xunta de Galicia, fíxose entrega de este galardón que recibiu a nosa compañeira e Vicepresidenta, Yolanda Moares Castiñeiras, en representación de tódolas persoas implicadas no dispositivo da campaña.

Yolanda Moares, que formou parte do equipo que administrou a primeira vacina na nosa Comunidade, foi tamén a encargada de intervir en representación de tódolos seus compañeiros e compañeiras. Moares comenzou o discurso agradecendo o recoñecemento e lembrando o inicio da campaña o 27 de decembro na Residencia Porta do Camiño: “O inicio do fin”. Recordou tamén “os quilómetros percorridos, as anécdotas vividas, os aplausos de benvida, as bágoas de ledicia pola chegada das vacinas, tamén as bágoas de tristeza polos que a vacina xa non lles chegou a tempo”.

Continuou agradecendo e recoñecendo o traballo de tódolas persoas implicadas no dispositivo: “persoal de seguridade, persoal de loxística e transporte, persoal administrativo e celadores, voluntariado de protección civil, forzas e corpos de seguridade do Estado, persoal de tecnoloxías da información, persoal de limpeza, profesionais sanitarios e persoal das administracións públicas”, sen esquecerse dos que non estiveron alí, “compañeiras e compañeiros que quedaron e cubriron os nosos centros de saúde para que nós puidésemos dedicarnos por completo a esta campaña de vacinación. Que participaron na vacinación e sostiveron a Atención Primaria nun momento extraordinariamente difícil e que lograron que, mentres outras estábamos ao urxente, o importante seguise funcionando. Esta medalla é tan súa coma nosa”.

Para rematar, fixo unha especial mención para as enfermeiras “ENFERMEIRAS con maiúsculas, todas e cada unha das que cada día traballades arreo, por e para a xente, coidando con agarimo a pesares do cansazo acumulado. Estes meses moitas persoas coñecéronnos mellor que nunca”; e transmitiu o seu orgullo de pertencer a esta profesión: “teño a honra de ser enfermeira especialista en Enfermaría Familiar e Comunitaria, unha especialidade que é exemplo dos múltiples camiños nos que a nosa disciplina pode avanzar, gañar capacidade e ser máis útil. Sei que falo por todo o colectivo cando digo que estamos chamadas a máis, a dar un paso á fronte. As enfermeiras tivemos a responsabilidade e tamén a sorte de ser a cara máis visible do proceso de vacinación. Estivemos á altura en este reto e podémolo estar en calquera outro”.

Dende AGEFEC queremos agraceder a Yolanda Moares a súa intervención, representando dun xeito tan loable a todo un colectivo e, facendo nosas as súas palabras, recoñecer a todas e cada unha das persoas que traballaron e seguen traballando arreo para facer fronte a esta pandemia.

Santiago de Compostela, a 25 de Xullo de 2021

vania

vania

Non están permitidos os comentarios.

Agefec é necesaria.
Somos necesarios