As enfermeiras deben poder seguir ofrecendo continuidade de coidados nos PAC de Galicia
28 Xullo, 2022
En relación á ausencia de cobertura de médicos dalgúns Puntos de Atención Continuada (PAC) e á noticia publicada o 26 de Xullo en La Voz de Galicia “Sin médico en el PAC, la enfermera no realiza diagnósticos ni da fármacos”, dende AGEFEC, como Sociedade Científico-profesional das enfermeiras de Atención Primaria manifestamos:
- Somos conscientes de que nestes momentos a Atención Primaria está a sufrir dificultades para garantir a cobertura dos diferentes profesionais, incluídos os servizos médicos, tanto nos centros de saúde coma nos PAC, dada a carencia de profesionais. Esta situación viuse agravada polo período estival, mais non debemos esquecer que esta falta de persoal non é un problema conxuntural debido á cobertura de vacacións, senón que se trata xa dun problema estrutural que á Atención Primaria ven sufrindo dende hai tempo.
- As enfermeiras sempre defendemos a importancia do traballo en equipo, un equipo multidisciplinar onde cada profesional aporta o específico do seu quefacer para garantir o mellor servizo á cidadanía, mais ninguén debe dubidar da capacidade resolutiva das enfermeiras. Ás enfermeiras de familia temos competencias para actuar, tanto en equipo como individualmente, ante situacións de urxencia, porén, dende a AGEFEC defendemos que, se nalgún momento e de forma puntual, nun centro non houbese persoal médico, as enfermeiras debemos seguir ofrecendo os nosos servizos á poboación.
- Por outra banda, tamén queremos denunciar que a Administración só se lembre das enfermeiras cando hai déficit doutros profesionais, máis aínda cando o número de enfermeiras da Atención Primaria esta por debaixo das ratios recomendadas[1], cando a situación en que se atopa a cobertura destas enfermeiras vai polo mesmo camiño ca do persoal médico e cando temos un gran número de enfermeiras especialistas en Enfermería Familiar e Comunitaria traballando en outros ámbitos ou en outras Comunidades debido a que non se lles ofrece fidelización contractual por parte do Sergas, despilfarrando, así, os cartos invertidos na súa formación.
[1] Ratio enfermeira/paciente recomendada pola AGEFEC:
- Con taxas de maiores de 65 anos inferiores ao 25%: ata 1500 pacientes/enfermeira
- Con taxas de maiores de 65 anos superiores ao 25%: ata 1250 pacientes/enfermeira
- Con taxas de maiores d 80 anos superiores ao 20%: ata 1000 pacientes/enfermeira
Non están permitidos os comentarios.