Cargando

<strong>Medidas inadecuadas, resultados insuficientes</strong>

Medidas inadecuadas, resultados insuficientes

O Sergas ven de publicar o “Procedemento para desenvolver o plan de intensificación da atención sanitaria en Atención Primaria durante o ano 2023. Liña de atención integral á cronicidade”. Como ben di, a pandemia da enfermidade polo novo coronavirus supuxo unha importante carga para o sistema sanitario e tamén un cambio no modo de afrontar a prestación dos servizos, o que supuxo unha importante perda da atención á promoción da saúde e á prevención das enfermidades en pro dunha atención centrada na demanda. Isto tradúcese nun atraso no seguimento dos pacientes fráxiles e con enfermidades crónicas e tamén na detección e manexo dos diferentes factores de risco para a saúde.

O Sergas, en dito procedemento, establece un programa baseado na realización dunha atención proactiva por parte do sistema para captar estes pacientes susceptíbeis de precisar un seguimento por parte do equipo de Atención Primaria, pero que será levado a cabo por médicos/as e enfermeiros/as que voluntariamente prolonguen a súa xornada laboral.

Dende AGEFEC entendemos que isto vai en contra do principio de lonxitudinalidade da Atención Primaria, xa que, non van ser necesariamente os profesionais de referencia destes pacientes os que leven a cabo estas accións, o que supón unha perda na continuidade na atención destas persoas.

Podemos entender que para poder captalos de novo e recuperar o seguemento das súas patoloxías e que debido a crise na que se atopa na actualidade da Atención Primaria, se plantexe este procedemento, pero que debe ser de xeito EXTRAORDINARIO, xa que o idóneo é poder facilitar que os propios profesionais responsables da súa atención puideran recuperar estes seguimentos dentro da súa xornada laboral. Para isto, habería que analizar e poñer solucións de raíz e non andar poñendo parches ós problemas de persoal que actualmente sofre o sistema sanitario e, en especial, a Atención Primaria. As intervencións puntuais por parte dun profesional cada vez diferente non van supoñer a solución ó problema existente.

Insistimos, tamén, na importancia do aumento da plantilla coas enfermeiras especialistas en familiar e comunitaria dispoñibles na bolsa de contratación como parte da resposta que os Sergas debe dar ós seus pacientes e na reducción dos cupos/grupos e a carga asistencial, o que permitiría levar este programa, pero mantendo ós profesionais de referencia do paciente, pois é necesario manter o vínculo paciente-profesional para alcanzar confianza, avanzar na detección de necesidades e non perder ás características propias da Atención Primaria como o son a lonxitudinalidade e a continuidade asistencial.

Santiago de Compostela a 13 de marzo do 2023

vania

vania

Non están permitidos os comentarios.

Agefec é necesaria.
Somos necesarios