As enfermeiras de Atención Primaria darán resposta á poboación pediátrica pese á falta de pediatras
En relación ao recente comunicado do Sindicato Médico O´MEGA sobre deixar nas mans das enfermeiras que en ausencia de pediatra deban realizar unha primeira valoración dos nenos que acoden por urxencias aos centros de saúde vai supoñer de consecuencias fatais, a Sociedade cientifica enfermeira AGEFEC, debe e quere transmitir unha mensaxe de tranquilidade á poboación e ás familias:
- Este comunicado, totalmente fóra da realidade asistencial, elaborado dende o máis profundo descoñecemento do traballo diario dos equipos de atención pediátrica, non responde aos intereses xerais da cidadanía e dos pacientes. É froito do período de eleccións sindicais no SERGAS, no que, tras un comunicado indecente, pretende mobilizar o voto dun reducido sector do colectivo médico, coa fin de tirar proveito do fracaso da desconvocatoria de folga realizado polo sindicado CESM.
- Queda probado pois, que estas organizacións sindicais levan priorizados os intereses persoais das súas cúpulas fronte aos do colectivo que pretenden representar, véxase a recente desconvocatoria de folga grazas ao acordo puramente económico co SERGAS tras a renuncia incondicional dos obxectivos que pretendían mellorar a calidade asistencial e a atención aos pacientes.
- Precisamente este sindicato pon de exemplo as consultas de cardioloxía, pero o que debe descoñecer é, por exemplo, o crecente aumento de unidades de insuficiencia cardíaca con equipos multidisciplinares, onde a enfermeira ten un papel protagonista no desenvolvemento de programas de atención e coordinación a pacientes e coidadores, con funcións propias como son a educación, o fomento do autocoidado, o control da adherencia ó tratamiento ou a titulación de fármacos e que hai estudos que demostran que o empleo dun programa de intervención dirixido por enfermeiras mellora significativamente a calidade de vida percibida e reduce os reingresos hospitalarios por esta patoloxía.
- Outro exemplo que utiliza para intentar desprestixiar ó noso colectivo son as posibles reaccións vacinais, pero estimados compañeiros de O´MEGA, a recente crise sanitaria por Covid xa puxo de manifesto que as enfermeiras sabemos e podemos levar de forma autónoma campañas de vacinación á poboación de xeito eficaz, eficiente e seguro.
Por todo isto, as enfermeiras de Atención Primaria non imos transgredir o noso código deontolóxico e, o que é o máis importante, non imos abandonar aos nosos pacientes. Pese á sobrecarga asistencial e á falta de enfermeiras, non imos asumir non dar resposta as necesidades da poboación xeral, e da pediátrica en particular. Polo que, se un neno acode de urxencia a un centro de saúde e non hai pediatra ou médico de familia, procederemos a valorar o seu problema de saúde e daremos resposta ás súas necesidades conforme a nosas competencias profesionais e o marco legal establecido.
Santiago de Compostela, a 3 de maio do 2023
Non están permitidos os comentarios.