Reunión de AGEFEC co Xerente do Sergas polo Informe de avaliación sobre o impacto da Primeira Reforma
O pasado mes de decembro, AGEFEC presentou por rexistro unha misiva ó Conselleiro de Sanidade, ó Xerente do SERGAS e á Dirección Xeral de Recursos Humanos co motivo das incongruencias detectadas no Informe de avaliación sobre o impacto da Primeira Reforma do Compoñente 18 do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia no Sistema Nacional de Saúde, na que solicitabamos con carácter urxente unha reunión para tratar as alegacións enviadas.
A esta solicitude só contestou o xerente do Sergas, José Ramón Parada Jorgal, que nos convocou a unha reunión este luns 30 de decembro, á que acudiron en nome de AGEFEC a presidenta, Belén González Martínez, a vicepresidenta primeira, Yolanda Rodríguez Vieira e o vogal de Formación Continuada, Damián Rodríguez Paz.
Nesta reunión tratáronse os seguintes temas:
- Valorouse positivamente o interés mostrado por parte da nosa asociación no documento, as reflexións aportadas e a calidade das mesmas.
- Reflexionouse sobre a situación da enfermaría de Atención Primaria, a súa alta taxa de eventualidade e a necesidade de reordenación dos recursos humanos, aportándose, de novo, os datos dos que dispón AGEFEC neste contexto.
- O Xerente abordou a importancia de desenvolver as competencias da enfermaría de Atención Primaria, da súa importancia nun novo modelo de Atención Primaria e da aposta que o Sergas fai pola nosa figura profesional.
- Puxéronse de manifesto as diferenzas existentes entre as distintas áreas sanitarias e comprometémonos ambas partes a facer unha análise máis en profundidade do problema.
- Acordamos seguir mantendo colaboracións periódicas e facilitarnos reunións con outras entidades de Consellería de Sanidade e do Sergas para seguir tratando asuntos que afectan máis directamente a eses sectores organizativos.
- Por último, prometeron que estudarán con detemento as alegacións aportadas e as solucións que implicaba o Ministerio de Sanidade nese documento.
Non están permitidos os comentarios.