A AGEFEC reúnese ca Dirección Xeral de Recursos Humanos
O pasado venres 14 de febreiro, a Xunta Directiva da AGEFEC, representada por Sara Blanco Sanmartín (Vicepresidenta 3°), Leticia Carral Otero (Secretaria) e Damián Rodríguez Paz (Vogal de Formación Continuada), mantivo unha reunión na Consellería de Sanidade ca Directora e a Subdirectora de Recursos Humanos.
Dita reunión fora solicitada no pasado mes de decembro a través da carta enviada por AGEFEC, na cal achegabamos as nosas valoracións do Informe de avaliación sobre o impacto da Primeira Reforma do Compoñente 18 do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia no Sistema Nacional de Saúde, publicado a finais do ano pasado.
Na xuntanza comentáronse as alegacións enviadas. Unha delas era a relativa á paxina 91 do documento, táboa 14 “Priorización de los nombramientos de EFyC en la bolsa de empelo temporal y/o en las Ofertas Públicas de Empleo (OPEs)”, na que se menciona que Galicia realiza dita Priorización, medida que, ata a data, non se leva materializado na nosa Comunidade Autónoma, a pesar de ser reclamada desde a nosa Sociedade Científica na última década, e existindo precedentes noutras categorías profesionais. A resposta da Directora e da Subdirectora foi que, a priorización dos/as EFeC está enriba da mesa, pero aínda está pendente tanto a negociación cos sindicatos como a forma na que se vai a realizar dita priorización.
Desde a AGEFEC valorouse positivamente esta información, pero sen deixar de facer fincapé na necesidade de mellorar as condicións laborais dos/as EFeC, tanto dos que remataron recentemente a especialidade para evitar a súa fuga a outras Comunidades con oferta laboral máis atractiva e estable, como de EFeC de promocións anteriores que aínda non foron estabilizados/as, tal e como reflexan os datos recollidos pola Sociedade, dispoñibles na seguinte LIGAZÓN, evidenciando un problema na ordenación dos recursos humanos.
Así mesmo, tamén se fixo mención á necesidade do incremento do número de especialistas pola necesidade de adaptar as Unidades Docentes ao decreto de Formación Sanitaria Especializada de Galicia.
Recursos Humanos manifestou o seu compromiso de reconvertir o maior número de prazas posibles de forma progresiva, indicando, como condicións necesarias a presenza de Plan Local de Saúde, ao que aspiran a totalidade dos Servizos de Atención Primaria, e que se trate de centro docente e/ou unitario
Desde Consellería tamén se fixo referencia a que Galicia é a segunda Comunidade do Estado que máis prazas leva reconvertido. AGEFEC recoñece o dato pero ,ao mesmo tempo, destácase o progresivo estancamento e incluso retroceso na adxudicación de vacantes EFeC, contra o cal se está loitando desde a Sociedade e os seus socios/as con iniciativas como solicitar a reconversión de tódalas vacantes das que somos informados/as, polo que, unha vez máis, animamos aos asociados/as a contactar connosco no momento no que teñan constancia dalgunha.
Respecto a outros asuntos, tales como a estabilización da última OPE, non se sinalou unha data concreta, pero si se afirmou que o proceso estaría finalizado “antes do verán”. Sobre a aplicación da Disposición Transitoria II (concurso de méritos), recoñeceron que “aínda non está enriba da mesa”; lembrouse que xa existen antecedentes ao respecto noutras especialidades de enfermaría.
Ambas entidades comprometéronse a manter o contacto e a reunirse unha vez rematado o proceso de estabilización.
Non están permitidos os comentarios.