A AGEFEC envía un escrito ás Areas Sanitarias sobre a reconversión de prazas de Enfermaría de Coidados Xerais de Atención Primaria á categoría de EFeC daquelas/es enfermeiras/os que realizaban labores de coordinación de Servizo
Grazas ás informacións que os socios e socias nos facedes chegar, temos constancia de que dende algunhas Áreas Sanitarias téñense posto obxeccións ao proceso de reconversión de prazas de Enfermaría de Coidados Xerais de AP á categoría de EFeC cando, estando ocupadas por enfermeiras que realizaban a coordinación do Servizo, quedan vacantes.
Dende a AGEFEC consideramos necesario que se valore esta situación, xa que non só non hai impedimentos legais de algún tipo para poder reconverter a praza base, senón que as Enfermeiras de Familiar e Comunitaria contan con formación teórica e práctica regrada e acreditada para exercer as funcións de coordinación, sendo as profesionais do cadro de persoal mellor cualificadas para tal fin.
Tedes máis información na lexislación (véxanse Decreto 206/2005, do 22 de xullo, de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, Decreto 200/1993, do 29 de xullo, de ordenación da Atención Primaria na Comunidade Autónoma de Galicia ou Decreto 81/2016, do 23 de xuño, polo que se crea no ámbito do Servizo Galego de Saúde a categoría estatutaria de persoal enfermeiro especialista, así como Programa Oficial da Especialidade de Enfermaría Familiar e Comunitaria).
Seguiremos, coma sempre, informándovos das novidades ao respecto.
A AGEFEC é necesaria, somos necesarios e necesarias.







Non están permitidos os comentarios.