A AGEFEC participará na IV Feira da Saúde Pontesán
Dende a AGEFEC temos o pracer de informarvos que os vindeiros venres 26 e sábado 27 de setembro a Asociación participará activamente na feira Pontesán, que terá lugar en Pontevedra.
Pontesán é a maior feira de saúde e benestar de Galicia, nacida no ano 2020 en plena saída da maior crise sanitaria do século, este ano baixo o lema “Información e desinformación”. O seu obxectivo é ofrecer á cidadanía información útil e práctica sobre saúde, benestar e estilos de vida saudables, nun formato accesíbel, ameno e para todos os públicos.
Durante os dous días da feira, haberá obradoiros, actividades, conferencias e espazos de encontro nos que os profesionais, asociacións e institucións do ámbito sanitario compartiremos a nosa labor. AGEFEC contará cun posto propio, desde o que divulgaremos o papel fundamental da Enfermaría Familiar e Comunitaria na promoción da saúde e a prevención da enfermidade, así como os proxectos que estamos a desenvolver.
Animámosvos a asistir e participar deste espazo co resto da cidadanía. Será unha magnífica oportunidade para dar visibilidade ao noso traballo e seguir fortalecendo a presenza da nosa especialidade na comunidade. Así mesmo, os asociados/as poderedes aproximarvos á AGEFEC, e achegarnos as vosas dúbidas e suxerencias, sendo unha oportunidade como profesionais de participar na mellora da AP e na procura de recursos de apoio sociais para a consulta.
Podedes consultar máis información sobre o evento na súa páxina web oficial: www.pontesan.es.
Agradecémosvos, como sempre, o voso apoio e implicación. A AGEFEC é necesaria, somos necesarios e necesarias.








Non están permitidos os comentarios.