Cargando

8 de marzo. Día Internacional da Muller.

8 de marzo. Día Internacional da Muller.

Hoxe, 8 de marzo, celébrase o Día Internacional da Muller. Dende a AGEFEC consideramos que é unha boa data para lembrar que os coidados —eses que sosteñen a saúde das persoas e das comunidades— teñen nome maioritariamente de muller.

A nivel global, máis do 80 % dos/as profesionais de enfermaría son mulleres, e ao longo da historia foron elas quenes mantiveron vivos os sistemas de coidados, tanto dentro como fóra das institucións sanitarias, sendo esenciais para garantir a equidade, saúde e dignidade.

Porén, esta indispensable labor non sempre se viu recoñecida. A pesar de seren maioría, as enfermeiras (e gran parte das mulleres en xeral) continúan atopándose con barreiras no seu día a día laboral tales como a infravaloración profesional, a falta de visibilidade, a dobre carga de coidados ou a brecha salarial.

A historia da enfermaría, igual ca historia do feminismo, é a historia dunha loita constante, unha loita por ocupar espazos de decisión, por avanzar en autonomía profesional e persoal e por poñer en valor uns coidados que sostiveron e sosteñen a comunidade e a quenes forman parte dela.

Nesta data, máis ca nunca, reivindicamos o papel de todas as mulleres en global, e das mulleres enfermeiras en particular. Celebramos o camiño andado, recoñecemos o esforzo de quen nos precedeu e comprometémonos a seguir abrindo o camiño para as que veñen detrás nosa. Porque o futuro dos coidados e da sociedade debe ser feminista, comunitario e transformador.

Seguimos adiante 💜💙

Avatar

leticia.carral.otero@agefec.org

Non están permitidos os comentarios.

Agefec é necesaria.
Somos necesarios