Cargando

Galicia acolleu a 2ª Xornada de Residentes de Enfermaría Familiar e Comunitaria

Galicia acolleu a 2ª Xornada de Residentes de Enfermaría Familiar e Comunitaria

  • O acto organizado pola Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria este venres no salón de actos da Consellería de Sanidade obtivo un importante respaldo institucional.
  • Tamén acudiu o Conselleiro de Sanidade Jesús Vázquez Almuíña quen anunciou que a creación da categoría estatutaria de enfermeiro especialista do Servizo Galego de Saúde comeza xa “os seus últimos pasos para a súa culminación e sexa unha realidade”.

O acto comezou da man do Director da área de xestión do coñecemento e talento da ACIS Rodrigo Gómez Ruíz, da Presidenta do Comité Organizador da Xornada, Susana Mirás Carballal e do Presidente da AGEFEC, Francisco Jesús Represas Carrera.

IMG_8237O Presidente da AGEFEC logo de da-la benvida e a noraboa aos novos residentes, destacou o papel que tivo a Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria na posta en marcha da especialidade en Galicia. Tamén destacou que Galicia é a cuarta comunidade con máis oferta de prazas para a especialidade de Enfermaría Familiar e Comunitaria, grazas ao traballo da Consellería e sobre todo dos titores “polo seu esforzo e espírito vocacional por facelo sen ningún tipo de compensación”.

De seguido procedeuse á exposición dos traballos científicos de fin de residencia das novas Enfermeiras Especialistas en Enfermaría Familiar e Comunitaria galegas. A mesa foi moderada polo Secretario da AGEFEC, Ignacio Couselo Fernández.

María López Villar, formada na Unidade Docente de Valladolid Oeste presentou a súa investigación Factores influyentes en el desarrollo del pie diabético en una consulta de enfermería de atención primaria. Nas súas conclusións destacou que este tipo de complicacións nesta patoloxía pode ser controlada mediante o empoderamento dos diabéticos.IMG_8239

Soraya Meijome Blanco, formada na Unidade Docente de Pontevedra, presentou a súa investigación Análisis de la renuncia a la vacunación antigripal en el Centro de Salud de Vilanova de Arousa. O seu estudo concluiu que a metade da poboación estudada non se vacinaba por medo a efectos adversos como tamén pola súa percepción dunha boa saúde. Puxo tamén de manifesto a efectividade dunha intervención educativa para lograr maior adherencia vacinal.

Cristina González Sáenz de Lafuente, formada na Unidade Docente de Madrid Centro, presentou a súa investigación Efectividad de un programa de estimulación cognitiva en pacientes con deterioro cognitivo leve de la comunidad. A investigación concluíu que este tipo de intervencións levadas por Enfermeiros de Familia e Comunitaria melloran o rendemento cognitivo e a calidade de vida destes doentes.

Beatriz Díaz Esmorís foi a encargada de defender a investigación realizada polas novas especialistas da Unidade Docente da Coruña (Vania Yáñez Fernández, Blanca Vázquez García, Lorena Liñayo Freire e Esther Trobo Vázquez) que levaba por título Valoración del estado nutricional del paciente mayor o igual de 65 años no institucionalizado en A Coruña. O estudo concluíu que un 8,8% da pobación estudada presentaba risco de malnutrición, polo que era preciso realizar dende a Atención Primaria un cribado sistemático para detecta-las causas e aplicar solucións a este problema.

O Comité Científico da Xornada, presidido pola Doutora en Enfermaría Eva Tizón Bouza, outorgou o premio á investigación Efectividad de un programa de estimulación cognitiva en pacientes con deterioro cognitivo leve de la comunidad, de Cristina González Sáenz de Lafuente.

IMG_8320Na recta final do acto, a Tesoureira da AGEFEC Silvia María Pazos Platas, xunto a Presidenta do Comité Organizador Susana Mirás Carballal presentaron aos novos residentes de Enfermaría Familiar e Comunitaria de Galicia como tamén outros galegos que farán a especialidade fóra de Galicia.

A clausura do acto correu da man do Conselleiro de Sanidade Jesús Vázquez xunto ao Presidente da AGEFEC Francisco J. Represas e a Presidenta do Comité Científico a Dra. Eva Tizón.

Primeiro o Conselleiro de Sanidade fixo entrega do agasallo aos novos especialistas en Enfermaría Familiar e Comunitaria como tamén á gañadora do premio a mellor comunicación.

Cristina González recibindo o premio á mellor comunicación de mans do Conselleiro

A Presidenta do Comité Científico realizou unha fonda reflexión sobre a formación en investigación dos especialistas en particular e da profesión enfermeira en xeral. Durante a intervención dirixiuse aos residentes poñendo de manifesto que “é necesario que nos dous anos de residencia e, posteriormente, como profesionais expertos, teñades unha actitude crítica en cada situación que vivades; sería interesante definir o voso perfil como investigadores e mesmo cursar un programa de doutoramento.” Tamén se dirixiu aos responsables docentes enxalzando o fomento da lectura crítica e a práctica baseada na evidencia, para mellorar os resultados da investigación”. Fixo mención de que era necesaria unha formación regrada en metodoloxía da investigación durante o período de residencia e non só dirixida á realización dun proxecto ou traballo final. Destacou de forma notoria que “todos debemos consumir literatura científica e facer lectura crítica da mesma, coñecer a situación actual e os mellores coidados, establecendo relacións entre todos. Ler e implementar investigación, axudaranos a medrar como profesión, como ciencia” e tamén que “unha profesión que non investiga, é unha profesión que non avanza”.

De seguido interviu o Presidente da AGEFEC Francisco J. Represas no que enxalzou a importancia desta xornada dedicado ao aspecto formativo da especialidade, así como tamén a vontade de continuar celebrando este acto con carácter anual.Pola esquerda, o Presidente da AGEFEC, o Conselleiro de Sanidade e a Presidenta do Comité Científico

 

Represas durante a súa intervención afondou no reto que implica aos profesionais da Atención Primaria a atención á “unha cidadanía cada vez mais envellecida, á cronicidade e aos  usuarios con tres ou mais patoloxías significativas” e fixo mención a importancia do documento da AGEFEC propostas para a mellora dos coidados enfermeiros na atención primaria publicado en setembro do ano 2015.

O Presidente da AGEFEC tamén resaltou a importancia dunha Atención Primaria cun fondo enfoque preventivo lamentándose de que nos “sucesivos acordos de xestión (ADX) non incentivan de xeito suficiente este campo, nin tampouco avalían en demasía esta actividade, e sumado a que IANUS non facilita o rexistro da mesma, fai que se estea a perder a consulta da visita domiciliaria con unha intención preventiva e de seguimento asistencial en detrimento das visitas curativas”.

Conforme avanzaba a súa intervención reclamou ao Conselleiro de Sanidade “o desenvolvemento laboral da nosa especialidade dunha forma efectiva e progresiva apostando por un modelo asistencial no que a medio-longo prazo a enfermaría de atención primaria sexa no 100% dos casos posuidora da especialidade de Enfermaría Familiar e Comunitaria, e esta titulación contémplese como o principal requisito para o acceso dos enfermeiros e enfermeiras  ao ámbito da Atención Primaria” xa que “o Servizo Galego de Saúde conta con mais de 100 profesionais especialistas en Enfermaría Familiar e Comunitaria, e tamén é esta  a especialidade enfermeira na que se ofertan o maior número de prazas para a formación mediante o sistema de residencia na nosa comunidade”.

Pola dereita, a Pte. do Comité Científico, o Conselleiro de Sanidade e o Presidente da AGEFECO acto finalizou da man do Conselleiro de Sanidade Jesús Vázquez, que puxo de manifesto a importancia da Atención Primaria e das intervencións preventivas neste eido pra afrontar retos como o da cronicidade. Tamén destacou o importante papel que xogan os profesionais da Enfermaría e da Medicina Familiar e Comunitaria por seren os máis próximos á poboación e, en moitas ocasións, os máis accesibles e dispoñibles para a cidadanía.

Durante a súa intervención salientou que a creación da categoría estatutaria de enfermeiro especialista do Servizo Galego de Saúde comeza xa “os seus últimos pasos para a súa culminación e sexa unha realidade”.

Dende a Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria queremos agradecer o amplo respaldo institucional recibido pola Consellería, ACIS, Xerencias, Unidades Docentes, Universidade de Santiago de Compostela, Colexio de Enfermaría como tamén do resto de asistentes ao acto.

Preme aquí para ver tódalas fotos da xornada

II Xornada de Residentes da AGEFEC

agefec

agefec

Non están permitidos os comentarios.

Agefec é necesaria.
Somos necesarios