Cargando

POSICIONAMENTO DA AGEFEC EN RELACIÓN Á ACTUAL CRISE DA ATENCIÓN PRIMARIA EN GALICIA

POSICIONAMENTO DA AGEFEC EN RELACIÓN Á ACTUAL CRISE DA ATENCIÓN PRIMARIA EN GALICIA

A Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria (AGEFEC) ven advertindo dende hai dunha década de moitos dos problemas que cobraron especial relevancia nas últimas semanas a raíz da dimisión en bloque da maior parte dos xefes de servizo e unidade da Atención Primaria viguesa.

Cabe destacar, que en marzo deste ano, os colexios médicos galegos así como a totalidade das sociedades científicas de Atención Primaria (entre as cales se inclúe AGEFEC) asinamos un manifesto público na que se propoñían importantes medidas para fortalecer a Atención Primaria galega.

O conflito tal como se está a recoller na maioría dos medios de comunicación parece que se cinguise soamente ao estamento médico ou que é un problema local da área de Vigo e que no resto de Galicia todo vai sobre rodas. As cousas non se arranxarán só porque houbese maior número de especialistas en medicina familiar e comunitaria ou pediatria.

Dende o noso punto de vista isto é unha concepción parcial e errada da problemática que ten que ver coa Atención Primaria de Saúde. Entendemos que isto é unha crise non só pola falla de profesionais, ou da zona de Vigo, é unha crise que ten que ver coa orientación e coa xestión global do noso sistema público de saúde.

Entendemos que existe un problema orzamentario, na asignación de recursos entre a atención hospitalaria, escorado claramente cara unha concepción hospitalocentrista, medicalizada, orientada aos problemas agudos de saúde e cada día máis dependente da tecnoloxía e da farmacopea. Pero tamén sabemos que non por iso os centros hospitalarios teñen unha situación laboral e administrativa axeitada, pois eles tamén sofren as políticas de recortes e reducións nos investimentos.

Tódolos colectivos teñen sufrido en maior ou menor medida os problemas de axuste e renovación de cadros de persoal, e todo iso tamén ten repercutido na calidade asistencial e no desenvolvemento diario do traballo nos centros de saúde. Nos equipos de Atención Primaria tódolos elementos que conforman a súa cadea asistencial son moi importantes, e cando falla un dos elos, o resto reséntese de maneira importante, e o risco de que rache todo o proceso asistencial, que precisa un paciente, é moi alto.

Neste comunicado non imos enumerar tódolos problemas que hai que empezar a atallar para ir dando chanzos na procura dunha Atención Primaria de calidade, que dea respostas aos problemas de saúde da poboación, en perfecta coordinación coa atención hospitalaria, así como tamén coa cada vez máis importante e necesaria atención sociosanitaria.

Dende a nosa Sociedade Científica e Profesional temos priorizado unha serie de cuestións que nos parecen prioritarias para ir abrindo camiño e desbrozando os problemas e en moitas delas sabemos que coincidimos coa maioría das organización profesionais, sindicais ou colexiais de Galicia.

Polo tanto facemos un chamamento a crear unha mesa de consenso ou grupo de traballo onde estean representados tódolos sectores que teñen que ver con esta situación. Non é momento de excluír a ninguén, nin de protagonismos ou liderados que despois poidan sementar malos entendidos ou preferencias, que deixen problemas larvados que non tardarán en volver a agromar. Ten que haber xenerosidade e altitude de miras, se de verdade se quere camiñar na solución do conflito ou simplemente ir a aquelo de “que hay de lo mío”.

Dende AGEFEC, neste momento tamén amosamos a nosa solidariedade e apoio a xusta loita dos que encetaron este proceso, que está a servir para que Atención Primaria se poña en primeira liña das preocupacións dos nosos xestores sanitarios e tamén a poboación visualice a importancia da situación e comprenda a necesidade de ter un primeiro nivel de saúde que faga honra ao seu nome. A nosa dispoñibilidade é total para continuar traballando por unha Atención Primaria actualizada aos tempos, capaz de responder axeitadamente as demandas da poboación. Pensamos que este malestar e conflito xeneralizado é unha importante oportunidade para os facer cambios que melloren a asistencia do presente e do futuro. A pelota está en moitos tellados, pero todos somos conscientes que neste terreo tamén hai categorías, e a administración interpelada ten que dar os primeiros pasos, non valen xustificacións e seguir mareando os problemas, hai que sentarse a traballar e dialogar.

 

En Santiago de Compostela a 15 de decembro do 2018.

 

A Xunta Directiva da AGEFEC

agefec

agefec

Non están permitidos os comentarios.

Agefec é necesaria.
Somos necesarios