Cargando

AGEFEC solicita á Consellería de Sanidade unha dotación de medios extraordinaria para afrontar o período estival de 2020

AGEFEC solicita á Consellería de Sanidade unha dotación de medios extraordinaria para afrontar o período estival de 2020

A Sociedade Científica enfermeira de Atención Primaria, ven de solicitar á Consellería a cobertura do 100% das ausencias nos cadros enfermeiros da Atención Primaria Galega así como un reforzo extra para afrontar a segunda volta do Estudo de Seroprevalencia do SARS-COV-2. Así mesmo tamén solicita a execución inmediata no relativo a recursos humanos do Plan de Atención Primaria 2019-2021.

As razóns que esgrimen para esta proposta son a necesidade de afrontar cos máximos recursos posibles o Estudo de Seroprevalencia da Xunta así como tamén a recuperación da actividade asistencial programada que se viu adiada polas restricións na mobilidade da cidadanía e tamén asistenciais para lograr unha estabilización dos índices da Pandemia.

AGEFEC propón ás autoridades sanitarias e traballadores sanitarios expertos en Saúde Pública promotores de dito estudo, sen cuestionar a súa difícil labor, valorar unha 3ª volta do estudo de Seroprevalencia á volta do verán, no que se prevé un considerable incremento da circulación do virus coa apertura das fronteiras da comunidade e a afluencia de persoas doutras comunidades nas que a taxa de infección foi superior. Esa información ao remate do verán, comezos do outono, pode ser valiosa para a saúde pública e a planificación asistencial cara o outono e a campaña de vacinación contra a gripe.

AGEFEC esgrime que a pesares do evidente esforzo que representará a realización da segunda volta deste estudo, se contamos cos medios necesarios, poderá ser levado a cabo de novo, así mesmo, a experiencia previa da volta anterior vai contribuír moi positivamente. Valoramos que se conte coas enfermeiras de familia e comunitaria para liderar este tipo de estudos epidemiolóxicos e de saúde pública promovidos polas autoridades sanitarias sexan tanto autonómicos coma nacionais, así coma calquera iniciativa que potencie a investigación no ámbito da Atención Primaria que aporte coñecemento científico, sempre e cando se doten dos recursos humanos necesarios.

As enfermeiras de familia e comunitaria avogan ademais por empregar o extraordinario aporte de recursos no verán para seguir priorizando a abordaxe e seguimento dos pacientes con problemas crónicos máis fráxiles, así como tamén aproveitar a baixa incidencia para despregar o sistema de teleasistencia como ferramenta de mellora de seguimento dos pacientes e tamén como rede de seguridade fronte a outras potenciais corentenas e restricións da mobilidade dos cidadáns.

Así mesmo consideran prioritaria a vixilancia epidemiolóxica en especial aos recursos sociosanitarios, onde se atopan os pacientes máis vulnerables para o que é fundamental a dotación de Enfermeiras Especialistas en Familia e Comunitaria, con formación específica en Saúde Pública, en tódolos centros de saúde de Galicia.

Polémica das coberturas dos cadros de enfermeiras de Atención Primaria como “áreas de descanso”

Ante a polémica suscitada a través de determinados correos electrónicos corporativos nunha área sanitaria galega, no que se facían varias referencias como que as consultas enfermeiras de Atención Primaria estaban sendo ofertadas como “áreas de descanso ao sobre esforzo hospitalario”, dende AGEFEC queremos transmitir a nosa máis fonda indignación e rexeitamento deste tipo de comentarios por parte de determinados mandos intermedios así como tamén a desafortunada exposición dalgunha organización sindical que menoscaban a confianza do conxunto dos profesionais da Atención Primaria.

A crise da Covid-19 evidenciou máis ca nunca a importante labor das enfermeiras de Atención Primaria, nun contexto de sobrecarga e estrés psicolóxico no que se realizou unha magnífica labor por parte de TODAS as enfermeiras. Por outra banda, fronte aos tópicos interesados que sempre circularon por aí, as Enfermeiras da Atención Primaria, polas características do nivel asistencial teñen autonomía na toma de decisións e na capacidade de resolución dos problemas de saúde dos cidadáns, e así o demostraron durante a crise. Unha autonomía e capacidade que vai acompasada dunha maior responsabilidade non recoñecida economicamente fronte a outros niveis asistenciais.

Dende AGEFEC facemos un chamamento a que se deixe de desvirtuar e menosprezar a Atención Primaria, e se traballe por dotala dos recursos (especialmente humanos) necesarios para garantir afrontar os problemas de saúde dos galegos.

Santiago de Compostela a 31 de maio 2020

yolanda

yolanda

Non están permitidos os comentarios.

Agefec é necesaria.
Somos necesarios