Cargando

Galicia contará co calendario de vacinación de adultos dende o 3 de xullo

Galicia contará co calendario de vacinación de adultos dende o 3 de xullo

Fonte: Venres epidemiolóxico Volume 6│número 12 │16 xuño 2017

As enfermidades previbles mediante vacinación son unha causa importante de morbi-mortalidade na idade adulta, polo que é necesario estender as políticas de vacinación aos adultos co fin de reforzar o impacto dos programas de vacinación infantil e tentar controlar esas infeccións.

Neste sentido, o Consello do Goberno Galego da Xunta ven de aprobar o Calendario de vacinación do adulto, que establece as recomendacións xerais de vacinación para a poboación adulta, que será de aplicación en todos os puntos de vacinación da comunidade e entrará en vigor a partir do día 3 de xullo.

As necesidades vacinais varían en función da idade, dos antecedentes vacinais, do estado de saúde así como das condicións de vida, ambientais ou profesionais, polo que no antedito calendario establécense as indicacións e pautas vacinais que servirán de guía e apoio no día a día dos profesionais sanitarios, cuxa participación e cooperación é imprescindible para acadar un dos obxectivos fundamentais dos programas de vacinación que é manter a adhesión a eles.

Destaca a incorporación da vacina antipneumocócica conxugada para todos os nados a partir do 1 de xaneiro de 1952 ao cumprir 65 anos, e se manteñen, ao mesmo tempo, as indicacións para grupos de risco de calquera idade. A vacina polisacárida pasará a administrarse aos 66 anos.

No calendario tamén se recollen as recomendacións de vacinación para a poboación adulta fronte ao tétano, difteria, tose ferina, sarampelo, rubéola, parotidite, hepatite B, gripe, varicela, virus do papiloma humano (VPH) e meningococo C.

A vacinación fronte ao tétano/difteria indicarase a todos os adultos non vacinados previamente ou coa primovacinación incompleta, así como para a profilaxe antitetánica en feridas.

As mulleres embarazadas entre a semana 28 e 36 de xestación, preferiblemente na semana 32, deberán recibir unha dose da vacina difteria-tétano-tose ferina acelular de baixa carga antixénica.

Anualmente vacinaranse da gripe as persoas de 60 ou máis anos de idade e as que presenten risco de complicacións. A vacinación antigripal do persoal sanitario resulta imprescindible para evitar a transmisión da enfermidade a pacientes con alto risco de complicacións así como o seu propio padecemento.

A vacinación con tripla vírica recoméndase segundo adata de nacemento, o padecemento previo da enfermidade e o estado inmunitario, e se establece a pauta de vacinación segundo o caso; tamén se realizan as recomendacións para a vacinación das mulleres embarazadas susceptibles despois do parto.

Por outra banda, a vacina fronte ao VPH indicaráselle a todas as mulleres nacidas a partir do 1994 que non fosen vacinadas previamente. Cabe destacar, pola súa importancia, a vacinación das mulleres conizadas nos 6 últimos meses por lesións intraepiteliais de grado CIN 2 ou superior, debido ao maior risco de recorrencia ben por reinfección ou reactivación.

Preme aquí para acceder ao calendario

agefec

agefec

Non están permitidos os comentarios.

Agefec é necesaria.
Somos necesarios