AGEFEC valora positivamente o novo Plan de Prevención do Suicidio en Galicia
- A Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria participou como revisora externa deste plan, promovido pola Consellería de Sanidade, para reducir o número de suicidios e as súas secuelas en Galicia.
Este plan integral ten como obxectivo principal diminuír a incidencia e a prevalencia da conduta suicida en Galicia. Para acada-lo obxectivo o plan susténtase en catro premisas: sensibilización, prevención, formación e investigación.
A maiores, o plan contempla a tódolos axentes que poden desenvolver unha labor importante para acadar o obxectivo, é dicir, máis alá da propia asistencia sanitaria, recoñecendo o papel que poden e deben desenvolver os centros educativos, medios de comunicación, servizos sociais, etc.
Dende a Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria (AGEFEC) como sociedade científica enfermeira do ámbito da Atención Primaria de Saúde e de Saúde Pública, despois de ter participado como revisores externos en dito plan queremos facer as seguintes valoracións:
- Consideramos que o plan é adecuado, dado que fai fincapé na prevención e fai partícipe desta a axentes non sanitarios. Así mesmo, agardamos que o desenvolvemento do plan veña acompañado de programas específicos nos diferentes recursos, tanto asistenciais, como non asistenciais implicados na prevención.
- Consideramos que para a execución do presente plan, é fundamental que a Xunta de Galicia e a Consellería de Sanidade destinen os suficientes recursos económicos, para dispoñer dos profesionais necesarios en todo o proceso asistencial (dende a Atención Primaria á Atención Hospitalaria), para poder impartir formación, para realizar campañas de sensibilización e sobre todo para investir en investigación e na transferencia dos resultados da mesma á mellora continuada da abordaxe da conduta suicida.
- No 75% dos suicidios, o suxeito recibiu previamente atención en centros de Atención Primaria no último ano. Para mellorar a capacidade deste recurso asistencial na detección precoz e a abordaxe da conduta suicida, a maiores de mellorar a formación dos profesionais, é vital incrementar os actuais cadros de persoal tanto de enfermeiros como de médicos, para desconxestionar as consultas e garantir tempos de atención que permitan detectar e abordar a conduta suicida.
Non están permitidos os comentarios.